cruzada

cruzada

(

  1. s f [HIST]

    Expedición de carácter relixioso militar que emprenderon os cristiáns contra os musulmáns para reconquistar Terra Santa. O fenómeno das cruzadas estaba relacionado co aumento demográfico do Occidente de Europa, a partir do s XI, coa renovación espiritual, que se conseguiu a partir daquel tempo, e tamén coa busca dun xeito de reorientar a belicosidade da nobreza de Occidente. Desde un punto de vista ideolóxico influíron nas cruzadas o aumento do ritual das peregrinaxes a Terra Santa, que se uniu á necesidade de liberar o sepulcro de Cristo do dominio musulmán durante o s XI, feito que desembocou no concepto de “guerra santa”, entendida como unha peregrinación en armas, baixo o autoridade da Igrexa. Tamén hai que ter presente outros factores, como o papel desempeñado polos emperadores bizantinos, que se nun primeiro momento consideraban as cruzadas como unha axuda contra o perigo turco, máis tarde mostráronse reticentes ante os intentos de reducir Bizancio ao poder romano e ante as vellas intencións de dominio dos normandos de Sicilia. Ademais, as cidades mediterráneas de Italia (sobre todo Xénova e Venecia) querían eliminar o intermediario bizantino no comercio con Oriente e por iso non dubidaron en colaborar activamente nas cruzadas. Mentres, no mundo musulmán o califato derrubábase e os turcos selxúcidas apoderábanse de Bagdad (1055), feito que facilitou a penetración latina.
    Primeira Cruzada

    Foi a única que, segundo moitos historiadores, merece este nome xa que implicou unha auténtica e espontánea mobilización da cristiandade. Predicouna Urbano II no Concilio de Clermont (26.11.1095). Pedro o Eremita conseguiu reunir moitos campesiños de Orléans, Champagne e Lorena, que iniciaron a marcha cara a Constantinopla na primavera do ano 1096. Logo de devastar as rexións do Danubio, chegaron a Anatolia, onde foron aniquilados polos turcos en Civitot, e púxose fin á chamada Cruzada Popular. As tropas que interviñeron nela organizáronse baixo o mando de Hugo de Vermandois, Ramón de Toulouse, Godofredo de Bouillon e Bohemundo de Tarento e reuníronse en Constantinopla no ano 1096. Superadas as diferencias entre latinos e bizantinos, os cruzados atravesaron o Bósforo, conquistaron Nicea e derrotaron os turcos en Dorilea. O exército cruzado emprendeu o asedio de Antioquía, que se rendeu en xuño do 1098, mentres o irmán de Godofredo de Bouillon, Balduíno, estableceu o feudo do condado de Édessa. Os cruzados ocuparon Xerusalén o 15 de xullo do 1099, Godofredo de Bouillon foi nomeado defensor do Santo Sepulcro e o territorio ocupado organizouse como reino. Este Estado quedou definitivamente configurado coa ocupación da franxa costeira e a constitución do condado de Trípoli.
    Segunda Cruzada

    A recuperación de Édessa polos musulmáns (1144) dirixidos polo atabeg de Mossul, provocou que o Papa Uxío III ordenase a Bernaldo de Claraval a predicación e organización dunha Segunda Cruzada. O Emperador Conrado III e o rei de Francia Luís VII dirixiron as súas tropas a Oriente, e foron derrotados. Ambos os dous exércitos se reuniron en Xerusalén e emprenderon unha campaña contra Damasco, na que fracasaron por mor das disensións internas. Nos anos seguintes produciuse un debilitamento do reino de Xerusalén, motivado polas disputas entre os nobres e a unificación dos musulmáns de Siria e Exipto, baixo o goberno de Saladino. A derrota cristiá na Batalla de Ḥiṭṭin (xullo de 1187) supuxo a caída da maioría das fortalezas latinas, incluída a cidade de Xerusalén, tres meses máis tarde.
    Terceira Cruzada

    O Papa Gregorio VIII respondeu cunha Terceira Cruzada (outubro de 1187) que evitou a derruba definitiva dos estados cruzados. Os monarcas Federico I Barbarrubia de Alemaña, Filipe II Augusto de Francia e Ricardo Corazón de León de Inglaterra encabezaron os respectivos exércitos. O primeiro morreu pouco despois da vitoria de Iconium (1190) e o enfrontamento entre os reis de Inglaterra e de Francia, despois de ocupar San Xoán de Acre, orixinou o abandono do monarca francés. Ricardo Corazón de León combateu contra Saladino e estableceu unha liña de fortalezas litorais dende Siria ata Jaffa, situando o centro político en San Xoán de Xerusalén. Despois da vitoria de Arsuf, Ricardo pactou con Saladino unha tregua de tres anos que confirmaba o dominio musulmán sobre Xerusalén e permitía o acceso aos peregrinos cristiáns.
    Cuarta Cruzada

    Foi convocada por Inocencio III e predicada por Foulques de Neilly. Organizouse no 1201, dirixida por Bonifacio de Montferrato, Balduíno de Flandres e Godofredo de Villehardouin. Planeouse orixinariamente contra Exipto, pero as esixencias comerciais de Venecia desviaron a expedición que conquistou primeiro a cidade de Zara, no Adriático, e despois Constantinopla; deste xeito a Grecia bizantina dividiuse en principados feudais.
    Quinta Cruzada

    Predicouse no Concilio de Letrán (1215) e proclamouna Honorio III. Dirixida por Xoán de Brienne, Andrés II de Hungría e Leopoldo VI de Austria, o seu primeiro obxectivo era a conquista da cidade do Cairo. Só conseguiron un dominio efémero sobre a cidade de Damieta (1221).
    Sexta Cruzada
    Estivo dirixida por Federico II, nesa época excomungado pola demora que se deu en participar nunha expedición anterior. Chegou a San Xoán de Acre en 1228 á fronte dos seus exércitos e asinou un tratado co sultán al-Malik al-Kāmil (1229), polo que conseguiu Xerusalén, Belén, Nazaret e Sidón. Os exipcios no 1244 conquistaron a cidade de Xerusalén.
    As derradeiras cruzadas

    O motor das dúas últimas cruzadas foi Luís IX de Francia, que organizou unha nova campaña contra Exipto no 1248 e, despois de conquistar Damieta, foi derrotado en al-Mansura e apresado (1250). Liberado despois do pagamento dun cuantioso rescate, regresou a Francia; sen embargo, despois da caída de Antioquía (1268) volveu participar nunha nova cruzada. Convencido polo seu irmán, o rei de Sicilia, iniciaron a campaña contra Tunes no 1270, pero o rei morreu xunto con boa parte do seu exército, víctimas dun andazo de peste. A derradeira das cruzadas foi organizada polo príncipe Eduardo de Inglaterra no 1271 e conseguiu un acordo do sultán mameluco Baibars, polo que cesaba nas súas hostilidades contra a cidade de San Xoán de Acre durante unha década. O fracaso das cruzadas tivo diversas causas, entre as que cómpre salientar os enfrontamentos entre os distintos grupos de cabaleiros (templarios, hospitalarios e teutónicos), a ambición dos grandes nobres do reino de Xerusalén, os obxectivos económicos contrapostos de venecianos, xenoveses e pisanos, xunto coa escasa poboación franca e a diferenza de posicións entre os fanáticos peregrinos-cruzados chegados de Europa e os fillos dos conquistadores francos, partidarios dunha coexistencia pacífica cos musulmáns, e o uso que fixo o papado da cruzada como un instrumento para impoñer a súa vontade. A conclusión foi a ocupación de San Xoán de Acre, Tiro e Beirut por parte de Qālāwun no 1291 e a ruína das últimas posesións do Oriente latino. O ideal das cruzadas perviviu ao longo de moitos anos, aínda que a crise económica dos ss XIV e XV impediu a materialización dunha nova expedición a Terra Santa.

  2. s f [HIST]

    Expedición de cristiáns contra os musulmáns, como a Reconquista da Península Ibérica; contra os herexes, como a cruzada albixense; ou contra os príncipes separados da disciplina papal, como a cruzada contra o rei de Aragón que arrebatou Sicilia a Carlos de Anjou (1285).

  3. s f

    Campaña ou serie de esforzos encamiñados a conseguir un fin importante e xeralmente elevado.

    Ex: A cruzada contra o tabaco comeza a dar resultados. A poboación saíu á rúa para iniciar a cruzada pola paz.

  4. literatura de cruzada [LIT]

    Conxunto de obras da literatura medieval xurdidas baixo o pulo do movemento da defensa combatente da fe cristiá, as cruzadas. Este movemento espiritual emparéntase con outra manifestación de relixiosidade da época, como eran as peregrinacións, de tal xeito que as propias cruzadas se poden definir como peregrinacións militares. Ambas as dúas expresións relixiosas constitúen varios aspectos do amplo movemento de renovación espiritual que sacudiu o Occidente europeo entre os ss XI e XIII. A convulsión social que supuxeron as cruzadas reflectiuse na literatura de modo moi diverso. Por unha banda, na lírica, especialmente na occitana, onde deu orixe ás denominadas canción de cruzada, composicións propagandísticas nas que os trobadores incitaban os membros da sociedade feudal a tomar parte na loita contra infieis e herexes. Neste labor destacaron autores como Marcabrú ou Peire Cardenal. Na propia literatura medieval consérvase unha Canción da cruzada, na que se contan os acontecementos máis importantes da cruzada dos albixenses dirixida contra os herexes cátaros en terras de Occitania (1202-1204). Relaciónanse, así mesmo, coas cruzadas as narracións sobre as viaxes a Terra Santa (ou a Ultramar, segundo a denominación da época). Neste sentido, pódese falar dun verdadeiro ciclo narrativo construído arredor deste eixe temático, paralelo ao que constituían as materias antiga, carolinxia e bretona. Baixo esta modalidade literaria agrupábanse relatos heteroxéneos que describían tanto a peregrinaxe aos Santos Lugares como as tradicións xurdidas arredor dos seus conquistadores cristiáns. Destacan ao respecto a Canción de Antioquía ou A conquista de Xerusalén, poemas nos que se recollen os acontecementos máis importantes das campañas en Terra Santa. Tamén poden incluírse baixo este epígrafe as elaboracións poéticas sobre as orixes de Godofredo de Bouillon, nobre francés que dirixiu o exército da Primeira Cruzada e conquistador, en 1099, de Xerusalén, así como os relatos sobre o cativerio do Rei Ricardo I de Inglaterra, coñecido como Ricardo Corazón de León, que foi apreixado ao seu paso por terras alemanas tras participar na Terceira Cruzada. De maneira máis indirecta, dentro do xénero historiográfico, cómpre mencionar as crónicas que glosan as campañas militares dos cruzados. Destacan neste apartado as obras de Villehardouin, que narra a conquista de Constantinopla por parte do exército latino durante a Cuarta Cruzada, e de Joinville, cronista de Luís IX de Francia, que relata as desastrosas expedicións deste monarca ao N de África e a súa morte ante as murallas de Tunes. Na Península Ibérica, o exemplo máis destacado de literatura de cruzada constitúeo unha obra castelá do s XIII, a Gran Conquista de Ultramar, crónica novelesca da Primeira Cruzada que inclúe elementos moi dispares, entre eles o relato do Cabaleiro do Cisne, antepasado mítico de Godofredo de Bouillon.