Cruzado, El
Periódico publicado en Mondoñedo a partir do 6 de abril de 1912 que cesou o 30 de maio de 1917. Subtitulado primeiramente “Semanario tradicionalista” e logo “Bisemanario tradicionalista”, exercía como voceiro da Juventud Tradicionalista. O seu propietario foi Enrique Costas Márquez; o director, Xosé Polo Folgueira; e o principal redactor, Carolino Costas Márquez. Editado na imprenta de Mancebo, constaba de catro páxinas nas que incluíu poesía en castelán de A. Noriega Varela e M. Amor Meilán, algúns artigos sobre o enterro de Leiras Pulpeiro e a aparición do libro Ecos y esbozos de Luís Tobío. En galego publicáronse poemas asinados por Cástulo e unha recensión do libro A Virxen y-a paisanaxe, unha escolma de cen cantigas recollidas por Noriega Varela e cun prólogo de Basilio Álvarez.