Cuadernos de Estudios Gallegos

Cuadernos de Estudios Gallegos
[PUBLIC]

Revista de periodicidade irregular aparecida en Santiago de Compostela en 1944 e subtitulada “Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Instituto Padre Sarmiento”. Dirixírona Sánchez Cantón e Filgueira Valverde ata que en 1981 se escolleu a Francisco Río Barja como director e a Carlos Baliñas como vicedirector. Contou coa colaboración de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Ramón Cabanillas, Bouza-Brey, Taboada Chivite, Menéndez Pidal, Dámaso Alonso, Rodrigues Lapa e outros intelectuais. Contén artigos en galego, castelán, portugués, inglés, francés, italiano e catalán. Dividiuse inicialmente nas seccións “Artículos”, “Textos y Documentos”, “Miscelánea” e “Bibliografía de Galicia”, nas que inclúe información sobre prehistoria, arte, crítica literaria, lingüística, historia e etnografía. Os apartados especializáronse co tempo: “Arqueoloxía, prehistoria e antropoloxía física”, “Historia da arte”, “Etnografía” e “Lingua e Literatura”. Inseriu diversos traballos relacionados cos autores clásicos galegos como E. Pondal, Rosalía de Castro ou o Padre Sarmiento e reproduciu textos de literatura popular, vilancicos dos Séculos Escuros e crónicas medievais.