Dau al set
Revista mensual de arte fundada en Barcelona en outubro de 1948 polo grupo artístico homónimo. Integrárono Joan Brossa, Arnau Puig, Modest Cuixart, Joan Ponç, Antoni Tàpies e Joan Josep Tharrats. O nome do grupo (Dado no sete) fai referencia a André Breton, quen definira a sétima cara do dado como unha das dimensións do surrealismo. A partir dunha actitude inicialmente dadaísta, os seus creadores expresaron plasticamente e por escrito a súa indiferenza cara á sociedade na que vivían. Despois de pasar polo surrealismo plástico ou polo existencialismo ideolóxico, elaboraron un mundo propio e imaxinario no que algún deles adoptou un novo concepto da sociedade. Estes artistas introduciron en España as correntes plásticas europeas. Uníronse ao grupo, entre outros, Joan Eduard Cirlot, Enric Tormo, Víctor Castells, René Metras e Santi Surós. A revista, cunha clara vocación internacional, incluíu textos en lingua castelá, catalá e francesa. J. J. Tharrats editou esta publicación dende 1952 ata o derradeiro número (1956). En 1951 celebrouse en Barcelona unha mostra antolóxica do grupo.