decapar
decapar
(< fr décaper)
v t
Limpar da superficie dun metal a capa de óxido, pintura, etc, que a cobre. Esta operación pode efectuarse mediante procedementos mecánicos ou químicos. O decapado mecánico pódese realizar mediante un cepillo metálico, procedemento lento e imperfecto, ou, máis usualmente, mediante un chorro de area, de partículas metálicas pequenas ou de perdigóns. O máis utilizado é o decapado químico, que ten diversas variedades: o decapado ácido, que consiste na inmersión do metal nun baño de ácido clorhídrico ou sulfúrico diluídos, o decapado alcalino que se realiza mediante a inmersión nunha disolución de sosa, sobre todo nas aliaxes de aluminio e cinc, ou o decapado electrolítico, no que a peza de metal actúa de cátodo ou de ánodo.