décathlon
(< deca- + terminación-athlon, de pentathlón)
Proba combinada de atletismo que comprende dez disciplinas. Celébrase en dúas xornadas consecutivas coa seguinte orde: na primeira, 100 m libres, salto de lonxitude, lanzamento de peso, salto de altura e 400 m libres; na segunda, 110 m valados, lanzamento de disco, salto con pértega, lanzamento de xavelina e 1.500 m libres. Os resultados obtidos polos atletas en cada unha das probas proporcionan unha serie de puntos, segundo unha táboa de cualificacións elaborada pola IAAF (Federación Internacional de Atletismo Amateur), de xeito que o vencedor nunha competición desta modalidade é o que máis puntos suma. Forma parte do programa olímpico dende os Xogos de Estocolmo 1912, aínda que xa se disputara con anterioridade nos de Saint Louis 1904 (EE UU). Nas competicións oficiais de atletismo, o décathlon está reservado exclusivamente aos homes; as probas combinadas para mulleres constan de tres especialidades menos e por iso se denomina héptathlon.