Dédalo

Dédalo
[MIT]

Heroe mítico ateniense. De xenealoxía moi complexa, encarna o prototipo de artista universal, dedicado, entre outras artes, á arquitectura e á escultura. Condenado pola morte do seu sobriño Talo, a quen matara por celos da súa habilidade, fuxiu desterrado a Creta. Na corte do Rei Minos, foi cómplice dos amores da Raíña Pasífae cun touro, dos que nacería o Minotauro. O rei encomendoulle a construción do Labirinto de Creta para encerrar nel o monstro. Cando Ariadna quixo salvar a Teseo, que fora loitar co monstro, pediulle consello a Dédalo e conseguiu liberalo grazas a un nobelo. Minos, anoxado pola súa complicidade, pechou o inventor e o seu fillo Ícaro no labirinto, pero conseguiron fuxir cunhas ás de cera e plumas que fabricou Dédalo. Na fuxida, Ícaro voou moi preto do sol e as súas ás derretéronse, caeu ao mar e afogou. Dédalo chegou a Cumas, pero Minos perseguiuno ata que se refuxiou en Sicilia, onde, protexido polo Rei Cócalo, realizou esculturas e fortificacións na súa honra.