deporte
(
-
s
m
[DEP]
Sistema ordenado de actividades corporais sometido a unhas regras elaboradas previamente por unha organización, practicado de forma individual ou colectiva, co que se poden avaliar as capacidades dun individuo ou grupo en relación aos obxectivos específicos propostos na súa regulamentación. Pódese practicar en competición ou en exhibición, ou como simple xeito de lograr un acondicionamento físico ou ocupar o tempo de lecer.
Antecedentes históricos do deporte
As observacións dos antropólogos permiten aventurar a hipótese de que as primeiras manifestacións que poderían reunir características semellantes ao feito deportivo xurdiron no seo das comunidades máis primitivas, ben como método de aprendizaxe de habilidades prácticas, ben como instrumento de xerarquización e control social (para acadar o liderado do grupo) ou ben como parte dos rituais de cortexo previos ao apareamento de machos e femias. Os máis antigos testemuños do que se podería considerar práctica deportiva proveñen do antigo Exipto, coas cacerías con arco dos faraóns, ademais doutros xogos atléticos. En Grecia estas actividades tiñan carácter relixioso, polo que se celebraban sempre xunto a un santuario na honra dalgún dos deuses. As cidades estado da Hélade organizaban periodicamente competicións atléticas; destacaban as que se celebraban cada catro anos ante o templo de Zeus en Olimpia, ao NO do Peloponeso, en loanza da máxima divindade do seu panteón. Os primeiros Xogos Olímpicos celebráronse no 776 a C. Na Roma imperial só se poden considerar como prácticas deportivas as carreiras de carros de cabalos (quadriga) que se celebraban no circo. O outro grande espectáculo romano, o dos gladiadores, non merece, pola súa crueldade (os participantes loitaban a morte) ser catalogado como deporte, malia que estaba regulamentado cando menos dende a época de Octavio Augusto. Na Idade Media os señores practicaban algunhas actividades físicas como parte do seu adestramento militar, entre elas a caza e os torneos. No ámbito popular, nas principais romarías relixiosas organizábanse campionatos de loita, xogos de pelota e concursos de tiro con arco. No s XV os humanistas renacentistas italianos convertéronse en ferventes defensores da cultura física, xa que consideraban o ser humano coma un todo, de xeito que o corpo debía cultivarse para elevalo ao mesmo nivel de perfección ao que aspiraba o espírito do bo cristián, recuperando a máxima de Xuvenal “mens sana in corpore sano”. No N de Europa diversas modalidades de xogos con raquetas de cordas documéntanse dende o s XIV; o golf ten os seus precedentes nun xogo neerlandés que consistía en introducir cun pau unha bóla nun burato feito no xeo. Pola contra, os países do S de Europa quedaron á marxe desta corrente deportiva. Unha das razóns fundamentais desta dicotomía no continente é de índole ideolóxica: nos países onde triunfaron as teses da Reforma incentivouse a práctica da actividade física que, pola contra, se menosprezou nos países que se mantiveron fieis á observancia católica.
O deporte na Idade Contemporánea
O verdadeiro nacemento do deporte europeo foi froito da Revolución Industrial, época na que se principiou o seu proceso de institucionalización. No s XVIII cobrou grande importancia o sentido competitivo nos xogos físicos e con iso a necesidade de regulamentalos. A principal intención que propiciou o desenvolvemento do deporte foi a de convertelo nun instrumento dirixido á formación do individuo (sobre todo os membros da alta burguesía e da aristocracia) en valores como a disciplina, a superación persoal e a competitividade, alicerces da nova sociedade. Conscientes das virtudes do exercicio físico para a formación da persoa, intelectuais e profesores, como o alemán F. L. Jhan, o sueco P. H. Ling, o británico Thomas Arnold ou o español Francisco Amorós elaboraron sistemas de adestramento e inauguraron centros de práctica deportiva. Cómpre destacar o labor do director do college de Rugby entre 1828 e 1842, Thomas Arnold. Na segunda metade do s XIX as competicións deportivas comezaron a superar os ámbitos locais. En 1856 disputouse a primeira competición entre colleges, unha regata de embarcacións a remo entre as tripulacións de Oxford e de Cambrigde. Formáronse as primeiras federacións, a Football Association (1863) e a Rugby Union (1871), que codificaron as regulamentacións das súas respectivas disciplinas. O Reino Unido foi o berce de moitos dos deportes que acadaron maior popularidade: atletismo, rugby, fútbol, hóckey, remo, boxeo e tenis. Nos EE UU naceron o béisbol (1858), o fútbol americano (1875) e o baloncesto (1892). A definitiva consolidación do deporte como fenómeno social mundial conseguiuna o francés Pierre Frédy, barón de Coubertin, ao se aprobar na Sorbonne en 1894 o seu proxecto duns Xogos Olímpicos inspirados nos da Grecia clásica, que se celebraron por primeira vez en Atenas (1896) e nos que participaron atletas de trece estados. As mulleres tiveron vetada na práctica a súa participación nos Xogos Olímpicos ata 1904. Nalgúns deportes, como o automobilismo ou a hípica, as competicións non establecen categorías por sexo; noutros deportes son habituais as dúas prácticas, por exemplo, a vela lixeira dispútase en distintas categorías; sen embargo, na vela pesada os tripulantes poden ser indistintamente masculinos ou femininos e competir entre eles. A vontade de aumentar cada vez máis o rendemento do deportista, nunha carreira infinita cara á conquista dunha mellor marca, identificou o deporte co traballo e someteuno ás mesmas servidumes (especialización, taylorismo, mellora nos materiais e nas instalacións, sistemas perfeccionados de adestramento, presentación científica da competición, etc). Isto explica que o deporte, en orixe unha actividade de lecer, derivase inevitablemente cara ao profesionalismo. No s XX o deporte pasou a formar parte da industria do espectáculo; deste xeito adquiriu unha gran repercusión pública que mesmo condicionou o desenvolvemento das regulamentacións co obxectivo de mellorar a vistosidade das distintas especialidades. A elevada audiencia dos grandes acontecementos deportivos propiciaron que estes se convertesen en privilexiados vehículos de propaganda, tanto política coma comercial e, nun sentido máis positivo, en impulsores dun sector industrial propio. As dimensións pedagóxica e lúdica da práctica ou da contemplación de espectáculos deportivos (en directo ou a través das retransmisións televisivas) seguen a ser preponderantes, aínda que, sobre todo dende a década de 1970, a práctica do exercicio popularizouse extraordinariamente pola vontade de manter unha condición física acorde cuns determinados canons estéticos impostos pola ideoloxía dominante na sociedade de consumo; no derradeiro terzo do s XX estendeuse no mundo occidental o culto ao corpo, dun xeito ás veces obsesivo. Ao redor deste fenómeno proliferaron novas oportunidades de negocio, coa apertura de numerosos centros deportivos nun principio dedicados en exclusiva á preparación física, aínda que a organización de competicións de culturismo, fitness ou body-building (disciplinas nas que se cualifica o desenvolvemento harmónico da musculatura), introduciu plenamente nestas especialidades todas as características que definen a actividade deportiva.
Organización deportiva
A consciencia social dos beneficios para a saúde da práctica deportiva implicou que as lexislacións dos estados modernos incorporasen mencións específicas sobre a obriga dos poderes públicos respecto á súa promoción e difusión. Deste xeito, a Constitución española de 1978 e o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 recollen disposicións neste sentido e en 1990 o Parlamento español aprobou a Ley del Deporte. En España, o Consejo Superior de Deportes é o organismo estatal que dirixe o deporte e o seu homólogo na administración autonómica galega é a Secretaría Xeral para o Deporte. Tamén as corporacións locais están obrigadas a intervir a prol da promoción do deporte. Todas estas institucións, á parte de distribuír os recursos financeiros que permitan sufragar total ou parcialmente as actividades de difusión e participación nas competicións das distintas disciplinas, regulamentan as relacións entre o mundo do deporte e a sociedade civil co obxectivo de facilitar a compaxinación da práctica deportiva coa realización persoal, social, laboral e académica dos practicantes a todos os niveis; así, entre as funcións que asumen, salientan o acondicionamento ou construción e mantemento das instalacións precisas para a realización das actividades, facilitar a asistencia ás competicións de máximo nivel dos deportistas que reúnan os méritos que a regulamentación da súa disciplina requira e colaborar na organización de acontecementos que se celebren nos territorios baixo a súa xurisdición. No ámbito estritamente deportivo, as federacións ou asociacións asumen as funcións de regulamentación e organización das actividades relativas a cada modalidade. Estas federacións organízanse territorialmente segundo o seu propio parecer, en ámbitos locais, rexionais e nacionais. As federacións nacionais poden integrarse en federacións internacionais continentais e mundiais. As federacións nacionais e internacionais daquelas disciplinas incluídas no programa dos Xogos Olímpicos pertencen automaticamente aos comités olímpicos nacionais e internacional, respectivamente. Paralelamente, existe tamén unha federación internacional do deporte universitario, que organiza a Universidade; unha Asociación Internacional de Deportes para Cegos e unha Organización Internacional de Deportes para Minusválidos que, xunto a outras institucións, organizan os Xogos Paralímpicos para deportistas con discapacidades motrices e sensoriais; e a Special Olympics que celebra competicións para discapacitados psíquicos.
O deporte en Galicia
A maior parte dos deportes que se practican en Galicia introducíronse entre finais do s XIX e a primeira metade do s XX. Tan só se poden considerar autóctonas as competicións de traiñeiras, especialidade do remo común en toda a fachada atlántica da Península Ibérica. As traiñeiras eran embarcacións lixeiras tripuladas por un número variable de remeiros (sempre par) e dirixidas por un temoneiro, que se introduciron dende Asturias para a pesca da sardiña nas rías no derradeiro cuarto do s XIX. A rivalidade entre os mariñeiros e o seu afán por chegar antes ca outras tripulacións á lonxa deu orixe ás primeiras carreiras, que xurdiron de xeito espontáneo. O primeiro trofeo documentado historicamente dunha competición de traiñeiras data de 1912, cando o concello de Moaña organizou unha regata. Na década de 1930 adoptaron a regulamentación das regatas da ría de Bilbao. Outras especialidades deportivas, como o fútbol, introducíronas no último terzo do s XIX as tripulacións dos mercantes británicos que facían escalas nos portos de Vigo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña ou Ferrol. Os ingleses practicaban os xogos inventados no seu país como distracción e en ocasións invitaban os mozos do lugar a enfrontarse a eles. Deste xeito, Vilagarcía de Arousa presume de ser o primeiro lugar de España onde se celebrou un partido de fútbol e discute esta condición con Riotinto (Huelva); segundo referencias da prensa contemporánea, os mariños do buque inglés Go-Go xogaron ao fútbol nos areais arousáns en xuño de 1873, cando fixeron no porto vilagarcián unha escala na súa viaxe ás minas onubenses. O gusto polo fútbol espallouse e axiña se formaron os primeiros equipos. En 1906 disputouse o primeiro campionato galego de fútbol e en 1909 constituíuse oficialmente a federación galega. Tamén foi importante a iniciativa daqueles integrantes da aristocracia e da alta burguesía que tiveron a oportunidade de cursar estudios en Inglaterra, Suíza ou outros países de Europa, nos que puideron iniciarse na práctica do deporte e na cultura física. Posteriormente, as guarnicións e escolas militares e os centros de ensino foron a outra vía de penetración das novas especialidades deportivas no país. Da repercusión social das actividades deportivas a principios do s XX dan testemuño as páxinas que se lle dedicaban na prensa; mesmo en 1909 apareceu un semanario deportivo en Vigo: Letras y Deporte. Os primeiros galegos en participar nos Xogos Olímpicos foron os futbolistas Luís Otero e Moncho Gil, que formaban parte da selección española que obtivo a Medalla de Prata nos Xogos de Anveres (1920). En canto á organización de probas do máximo nivel internacional, Galicia albergou acontecementos da categoría de torneos preolímpicos (Vigo acolleu o de balonmán en 1972 e o de baloncesto feminino en 1992), fases finais do Mundial de fútbol (Vigo e A Coruña foron sede e subsede dun dos seis grupos do de 1982) e do Mundobasket (Ferrol 1986), Copa do Mundo de Saltos de hípica (Vigo 2002), ademais de varios campionatos do mundo de vela. Cómpre destacar o prestixio internacional que teñen acadado dous torneos amigables organizados respectivamente polos concellos da Coruña e Vigo: o Trofeo Teresa Herrera de fútbol, o decano dos torneos estivais españois, e o Trofeo Cidade de Vigo de hóckey a patíns que, considerado como o campionato mundial oficioso de clubs, acadou o recoñecemento da propia federación europea (CERS) que colabora na súa organización. Á parte dos éxitos deportivos dos atletas galegos e da organización de distintas competicións, un dos feitos que máis contribuíu ao desenvolvemento do deporte na comunidade autónoma foi a creación en 1987 do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia (INEF-Galicia), centro de ensino superior radicado en Bastiagueiro (Liáns, Oleiros) e dedicado á preparación de profesionais universitarios cualificados e especializados en xestión de organizacións deportivas, en deporte para a saúde, en deporte para o tempo e lecer, ou nunha disciplina deportiva concreta (mestría). Os licenciados do INEF, tamén capacitados para a docencia na ESO e no bacharelato, contribúen a mellorar substancialmente a preparación física e técnica das persoas que practican deporte e introducen garantías de profesionalidade e rigor científico e académico. No curso 1999-2000 a Universidade de Vigo comezou as actividades docentes da licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte no seu campus de Pontevedra, titulación que, unida ao INEF-Galicia e ás especialidades de educación física nas escolas de maxisterio, completa a oferta universitaria para a formación de profesionais da preparación deportiva e da cultura física. -
deporte adaptado
[DEP]
Disciplina deportiva que se practica de xeito non competitivo coa súa regulamentación modificada para que sexa accesible a persoas discapacitadas.
-
deporte colectivo/de equipo
[DEP]
Especialidade deportiva na que se require a participación de varias persoas que cooperen entre elas para acadar os obxectivos propostos na regulamentación das súas competicións. Ademais de requirir dunha acción común e coordinada, o conxunto dos xogadores comparten o espacio no que se desenvolve o xogo.
-
deporte de combate
[DEP]
Especialidade deportiva baseada na loita na que o obxectivo é vencer a resistencia do contrario derrubándoo ao chan, golpeándoo nalgúns puntos do corpo, indicados especificamente na regulamentación, ou botándoo fóra da área delimitada para a celebración da proba. De diversa orixe, algunhas especialidades pódense practicar con armas brancas (esgrima) ou bastóns e outros elementos (kung-fu), aínda que en calquera caso non existe a intención predeterminada de lles causar lesións aos contrincantes, que de producirse son accidentais (na maior parte destas disciplinas os participantes visten proteccións para a cabeza e outras partes vitais do corpo). O boxeo, regulamentado no Reino Unido no s XIX, ten como principal precedente o puxilato da Grecia antiga e o seu obxectivo é golpear puntos vitais do rival para lograr que cese a súa oposición. As diversas modalidades de loita (libre, grecorromana, canaria, sumo, etc), nas que o propósito é facer que o contrincante toque coas costas o chan ou botalo da área delimitada para o enfrontamento, baséanse nas pelexas ancestrais a morte nas que se tentaba derrubar o inimigo para deixarlle o ventre e o tórax indefensos e asestarlle unha puñalada letal. Os deportes de combate orixinarios do Extremo Oriente denomínanse habitualmente artes marciais (judo, karate, taekwondo, kung-fu, etc). Da combinación dos estilos das loitas occidentais e orientais xurdiron novas especialidades, como o full-contact e o kick-boxing. No programa oficial dos Xogos Olímpicos de verán inclúense o boxeo, a esgrima, o judo e o taekwondo.
-
deporte de exhibición
[DEP]
Especialidade deportiva da que se disputan probas nos Xogos Olímpicos fóra do programa oficial. Polo xeral, en cada edición dos Xogos Olímpicos de verán inclúense tres novas modalidades como deportes de exhibición, que adoitan ser orixinarias do país onde se celebran, moi populares nel, e que lles reportan grandes éxitos internacionais aos deportistas nacionais. Tamén é normal que deportes de recente creación e gran difusión mundial sexan incluídos nos Xogos como deportes de exhibición, feito que en moitas ocasións constitúe un paso previo para a súa incorporación posterior ao programa oficial dos Xogos Olímpicos.
-
deporte de inverno
[DEP]
Disciplina deportiva que require para a súa práctica unha superficie xeada ou cuberta de neve (condicións que se dan na natureza nas rexións circumpolares, na alta montaña ou na estación invernal das latitudes medias). Algúns deles pasaron a celebrarse en recintos cubertos, como a patinaxe e o hóckey sobre xeo, pero a maior parte dispútanse ao aire libre, en circuítos creados para tal fin. Entre eles figuran todas as modalidades de esquí (esquí alpino, esquí de fondo, saltos, combinada nórdica) e o bobsleigh (descenso en zorra). Dende 1924 celébranse uns Xogos Olímpicos de inverno con periodicidade cuadrienal que ata 1992 coincidiron no mesmo ano cos Xogos de verán; a partir de 1994 celebráronse en anos distintos por decisión do Comité Olímpico Internacional.
-
deporte de montaña/na natureza
[DEP]
Actividade deportiva que se desenvolve en medios naturais e na que os participantes interactúan co medio, que constitúe o principal desafío e obstáculo para a práctica.
-
deporte de motor
[DEP]
Actividade deportiva que se desenvolve sobre vehículos de tracción mecánica autopropulsados (principalmente automobilismo e motociclismo, con todas as súas especialidades).
-
deporte de oposición
[DEP]
Disciplina deportiva na que as competicións se desenvolven coa participación simultánea de dúas ou máis persoas ou equipos que interactúan entre eles e, nalgúns casos, con outros elementos (balóns, pelotas, discos, etc). Distínguese entre deportes de oposición directa e indirecta.
-
deporte de raqueta
[DEP]
Especialidade deportiva de oposición na que dous ou máis deportistas pugnan entre eles golpeando un móbil (pelota, voadora, etc) cunha pa ou raqueta. Varias destas modalidades están incluídas no programa dos Xogos Olímpicos (tenis, tenis de mesa, bádminton). A partir do tenis desenvolvéronse outros deportes, como o squash e o paddle, que requiren unha pista de dimensións máis reducidas e, polo tanto, máis doada de habilitar.
-
deporte extremo/de risco
[DEP]
Actividade deportiva na que a dificultade da execución dos elementos que integran a disciplina e as condicións ambientais elevan exponencialmente o perigo para a integridade física dos participantes. A orixe da maioría destas modalidades deportivas está, ben no adestramento militar para a execución de operacións especiais, ben na vontade de experimentar situacións límite ao adaptar as técnicas doutros deportes a condicións naturais adversas.
-
deporte individual
[DEP]
Modalidade deportiva na que a participación na competición se realiza de xeito individual, sen a intervención directa de colaboradores que interactúen sobre os elementos que determinan a clasificación da proba, aínda que, pola contra, se ademais se trata dun deporte de oposición, outro ou outros participantes rivais poden intervir en contra dos intereses do primeiro, interactuando con el. Algúns deportes nos que a competición se desenvolve con probas individuais, poden dar lugar a clasificacións por equipos, e o resultado final dun conxunto vén determinado pola suma das puntuacións individuais obtidas polos seus integrantes. Noutros casos, nas competicións fundamentalmente individuais, como a natación, o atletismo ou a ximnasia, celébranse probas nas que interveñen varios deportistas nun mesmo equipo; é o caso das carreiras de remudas en natación e atletismo, as actuacións de conxuntos en ximnasia ou as contrarreloxos e persecucións por equipos en ciclismo. Este último deporte, no que as máximas recompensas das competicións recaen normalmente nun único participante, é un dos casos máis peculiares, pois os aspirantes ao triunfo en case que todas as probas (independentemente de se son carreiras dunha soa etapa ou voltas de varios días e coas excepcións das contrarreloxo individuais en estrada e a maioría das probas en velódromo) contan coa colaboración doutros compañeiros de equipo (gregarios) que despregan a táctica e levan o ritmo de carreira máis axeitado aos intereses do seu líder, ademais de controlar as manobras dos rivais.
-
deporte náutico
[DEP]
Actividade deportiva que se desenvolve sobre a superficie do mar, fundamentalmente as regatas de embarcacións de todos os tipos. No programa oficial dos Xogos Olímpicos de verán inclúense competicións de varias clases de embarcacións a vela.
-
deporte olímpico
[DEP]
Calquera disciplina deportiva incluída no programa oficial dos Xogos Olímpicos. Un deporte pode perder o carácter de olímpico se se retira do programa dunha olimpíada, aínda que se celebrasen probas del en xogos anteriores. Tampouco teñen carácter de deportes olímpicos os que se disputan como exhibición nunha edición dos Xogos; estes, polo xeral, son especialidades orixinarias do país que os acolle.
-
deporte paralímpico
[DEP]
-
Modalidade deportiva deseñada para a práctica de persoas discapacitadas.
-
Calquera deporte practicado en competición por persoas que sofren discapacidades, especialmente os incluídos no programa oficial dos Xogos Paralímpicos. Os diferentes graos de discapacidade que poden rexistrarse nunha determinada lesión ou deficiencia sensorial obrigan a establecer categorías para garantir a igualdade de oportunidades dos participantes nunha competición, aínda que tamén se pode optar por establecer hándicaps en función do grao de intensidade da discapacidade, para despois da proba establecer unha clasificación final ponderada.
-
-
deporte técnico-combinatorio
Disciplina deportiva na que a clasificación das competicións depende da valoración dun xurado que contempla a execución dos exercicios dos competidores.