Deputación Provincial de Lugo

Deputación Provincial de Lugo

Institución creada para a administración e promoción dos intereses da provincia de Lugo. Fundouse o 16 de maio de 1822, tralo proceso de desintegración da Diputación Provincial de Galicia pola adaptación á nova división provincial aprobada polas Cortes o 13 de xullo de 1821. A restauración do absolutismo, que significou a derrogación da Constitución, suprimiuna en 1823. Unha vez restablecido o constitucionalismo refundouse en novembro de 1835. Dende aquela data a institución gozou de continuidade e o territorio que administra coincide basicamente co da súa predecesora do período 1822-1823, que incluía o territorio da antiga provincia e diocese de Lugo e gran parte da de Mondoñedo. Entre os organismos e institucións dependentes da Deputación Provincial de Lugo destaca o Instituto Lucense de Desarrollo Económico y Social (INLUDES), o Museo Provincial de Lugo, o Centro de Artesanía e Deseño de Galicia e a Unidade de Promoción e Desenvolvemento.