deputado -da

deputado -da
  1. s [HIST]

    Representante das irmandades locais nas Xuntas de Irmandade establecidas trala Revolta Irmandiña. Cada deputado era elixido polos seus compañeiros de institución e tiña a misión de transmitir as súas queixas e peticións nas Xuntas. Tiña un amplo poder nas cidades e vilas, de xeito que chegaba a acadar tamén a condición de alcalde, como aconteceu, por exemplo, con Martín Troco, alcalde e deputado en Santiago, e Xoán Branco, en Betanzos.

  2. s [POLÍT]

    Persoa nomeada por un corpo para que exerza a súa representación exclusivamente nun foro determinado.

  3. deputado a Cortes [POLÍT]

    Representante elixido por sufraxio directo para formar parte da cámara única ou, nos parlamentos bicamerais, da de orixe popular.

  4. deputado autonómico [POLÍT]

    Membro do parlamento dunha comunidade autónoma, elixido por sufraxio universal, libre, directo e secreto para un mandato de catro anos. Os deputados autonómicos teñen os seguintes dereitos: participación e asistencia con voto ás sesións do pleno e das comisións parlamentarias das que formen parte; dereito a solicitar das administracións públicas os datos, informes e documentos precisos; a percepción dunha asignación económica e das indemnizacións e axudas de custo polos gastos indispensables para o cumprimento da súa función; inviolabilidade polos votos emitidos e polas opinións manifestadas no exercicio das súas funcións, aínda despois de cesar no seu mandato; inmunidade, polo que non poden ser detidos nin retidos durante o seu mandato, agás no caso de flagrante delito; foro procesual, polo que lle corresponde decidir sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ao Tribunal Superior de Xustiza da comunidade autónoma ou á Sala de lo Penal do Tribunal Supremo. Entre os seus deberes salientan o de asistir ás sesións do pleno e das comisións nas que participen, o de respectar o regulamento e as normas de funcionamento da cámara, o de facer unha declaración ante notario dos seus bens e actividades, e o de respectar as normas sobre incompatibilidades. Os deputados soamente poden ser suspendidos das súas funcións polas causas que o regulamento do parlamento estipule e por unha sentenza xudicial firme. A perda da súa condición prodúcese tamén por unha decisión xudicial firme, por falecemento ou incapacidade, por extinción do mandato de catro anos ou pola súa propia renuncia.

  5. deputado cuneiro [POLÍT/HIST]

    Representante no parlamento elixido por unha circunscrición territorial coa que non mantén máis vinculacións ca as do propio proceso electoral. Esta práctica foi unha constante na vida política de Galicia dende 1812 a 1936. Segundo o ordenamento político, o deputado electo non representaba o distrito nin era fiscalizado por este, senón que representaba toda a comunidade nacional española. Deste xeito, as grandes organizacións políticas buscaban acomodo aos seus principais candidatos naquelas circunscricións electorais que presumían controlar para asegurar a súa elección. Así, moitos dos deputados elixidos en Galicia durante aquel período foron elementos absolutamente alleos ao país, feito que deu continuidade a unha tradición secular. Por esta razón, o descoñecemento da realidade social, económica e política de Galicia por parte dos seus representantes e o consecuente prexuízo para o desenvolvemento dunha cultura cívica e participativa na vida política do país foi total. A desvinculación foi absoluta cando o deputado proviña doutra rexión, sen residir no distrito electoral, como sucedeu nos casos de Antonio de los Ríos Rosas, deputado por Corcubión na Primeira República, ou de Azorín, deputado por Ponteareas en 1914; en cambio foi relativa cando o candidato, aínda que procedente de Galicia, non residiu nela ou no distrito electoral, feito que confería unha perspectiva centralista, como sucedeu no caso de Montero Ríos; e foi extrema ou inversa cando os nados en Galicia tiveron o seu feudo político fóra dela, coma sucedeu no caso de Nicomedes Pastor Díaz.

  6. deputado de comercio [ECON]

    Membro dunha deputación de comercio. O cargo foi creado por un decreto do rei Carlos III en 1773 para exercer as funcións de consulados de mar nas cidades que non os tiñan.

  7. deputado do común [POLÍT]

    Cargo municipal elixido por sufraxio popular para atender os asuntos relativos ao comunal. Creouno un auto do Consello de Castela do 5 de maio de 1766 que declarou nulos os acordos adoptados tralo motín de Esquilache. Foi suprimido definitivamente a principios do s XIX pola creación dos concellos. O proceso de elección alcanzaba a todos os veciños, excluíndo ao clero e aos representantes das corporacións, que elixían a compromisarios, que, á súa vez, escollían a catro ou dous deputados do común (segundo se as vilas tiñan dous mil ou máis veciños) e a un síndico persoeiro. Entendían, en xeral, de cuestións económicas e de abastecemento, e debían coidar que se exercese o libre comercio de grans e doutras mercadorías. Por iso, procedían xeralmente das estruturas gremiais, aínda que nalgunhas cidades a elección se determinou por barrios ou parroquias.

  8. deputado do reino [HIST]

    Persoa elixida por unha cidade ou vila con voto en Cortes, que servía na deputación xeral dos reinos hispánicos.

  9. deputado na sala de millóns [POLÍT]

    Membro da sala de millóns, cámara que exerceu as funcións das antigas cortes castelás, durante os ss XVIII e XIX, ata que o Estatuto Real de 1834 a suprimiu. As súas funcións eran reducidas, ata o punto de que soamente votaban a imposición dos “millones” (certo tipo de tributos) e a concesión de cargos honoríficos.

  10. deputado no congreso [POLÍT]

    Membro do Congreso de los Diputados, elixido por sufraxio universal, libre, directo e secreto. Por cada circunscrición electoral elíxese un número de deputados proporcional ao seu censo de votantes. A lei electoral determina as causas de inelixibilidade e incompatibilidade, entre as que destacan as que afectan ao exercicio de funcións ou cargos conferidos por un estado estranxeiro, aos presidentes e membros dos gobernos autonómicos, aos compoñentes do Tribunal Constitucional, ao Defensor del Pueblo, aos maxistrados, xuíces e fiscais, aos membros das xuntas electorais, etc. Os deputados gozan de inviolabilidade polas opinións manifestadas no exercicio das súas funcións. Ademais, posúen inmunidade, polo que soamente poden ser detidos en caso de flagrante delito, e non poden ser inculpados ou procesados sen a previa autorización do Congreso, que debe conceder o suplicatorio a instancias do xuíz instrutor.

  11. deputado provincial [POLÍT]

    Membro dunha corporación provincial. O seu nomeamento realízase despois da celebración das eleccións municipais e o seu mandato é de catro anos. Os deputados provinciais son elixidos por partidos xudiciais, entre os concelleiros electos agrupados en listas de partidos políticos ou coalicións. A cada lista asígnaselle un número de deputados proporcional aos resultados acadados nas eleccións municipais. Os concelleiros de cada lista elixen entre eles aos deputados provinciais correspondentes. A distribución de deputados efectúase de modo que todos os partidos xudiciais conten, polo menos, cun representante, e que ningún partido xudicial conte con máis de tres quintos do número total de deputados provinciais, de xeito que prevaleza o criterio de representación territorial sobre o de representatividade demográfica.