Deputación Provincial de Ourense
Institución establecida en xuño de 1882 para a administración e promoción dos intereses da provincia de Ourense. Xurdiu a partir da desaparición da Diputación Provincial de Galicia deseñada na nova división provincial aprobada polas Cortes o 13 de xullo de 1821. Aquela institución administrou un territorio que se correspondía basicamente co da antiga provincia e diocese de Ourense. A restauración absolutista suprimiuna en novembro de 1823. En 1835, despois do ascenso ao trono de Isabel II, volveuse restablecer; absorveu, entón, o partido de Valdeorras, que no anterior período pertencera á provincia de Villafranca del Bierzo. Da Deputación Provincial de Ourense dependen diferentes organismos, como o Centro Cultural Simeón, o Teatro Principal, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento, o Padroado Provincial de Turismo, e diversas escolas, como as de artes e oficios, gaita e danza das que xurdiron agrupacións como a Real Banda de Gaitas.