desarrollismo*
Teoría de desenvolvemento económico na que priman os aspectos cuantitativos sobre os cualitativos e que persegue a mellora das cifras macroeconómicas dos estados, como a inflación, o gasto público ou a balanza de pagamentos, sen importar os custos sociais que o desenvolvemento económico ocasiona. Esta denominación aplicouse aos períodos da historia económica de España e América Latina da década de 1960. En España comezou co deseño do Plan de Estabilización en 1959 que perseguía o aumento da produción nacional, a estabilidade económica, o pleno emprego, a incorporación da economía española ao sistema económico mundial, a flexibilización dos mecanismos económicos e a distribución equitativa da renda nacional. Con estes obxectivos elaboráronse outros catro Planes de Desarrollo, entre 1964 e 1967, 1968 e 1971, 1972 e 1974, e de 1975 en diante, aínda que este último non chegou a poñerse en práctica. Os resultados manifestáronse sobre todo na industria, coa creación de empresas de grandes dimensións situadas en focos concretos que se denominaron Polos de Desarrollo, localizados os primeiros en Burgos, A Coruña, Huelva, Sevilla, Valladolid, Vigo e Zaragoza. A expansión industrial deu lugar a unha demanda de man de obra desprazada do mundo rural que pasou a engrosar a crecente poboación das áreas urbanas, que tamén se viron aumentadas con novas construcións. Os investimentos estranxeiros e os ingresos achegados polo turismo melloraron a situación económica. Malia as melloras acadadas, os problemas estruturais e a falta dunha planificación eficaz reflectíronse na incontrolable inflación, no déficit comercial, no éxodo rural masivo e desorganizado, na especulación e deficiencias urbanísticas, e nas graves consecuencias ecolóxicas dun crecemento incontrolado.