Didot
Familia francesa de impresores, gravadores, fundidores, fabricantes de papel e libreiros, que perfeccionaron a arte tipográfica nos ss XVIII e XIX. O fundador foi François Didot (París 1689 - 1757). O seu fillo, François-Ambroise Didot (París 1730 - 1804) inventou a prensa chamada dun só golpe e a división da forza do corpo das letras. Pierre Didot (París 1761 - 1836), primoxénito de Ambroise, presentou as edicións do Louvre, polas que foi considerado o primeiro impresor do mundo. Firmin Didot (París 1764 - Mesnil-sur-l’Estrée 1836), fillo de Ambroise e irmán de Pierre, distinguiuse como fundidor de caracteres, impresor-libreiro e fabricante de papel. En 1795 inventou un sistema de estereotipia. O seu fillo, Ambroise-Firmin Didot (París 1790 - 1876) reuniu unha gran biblioteca, que foi a base das súas numerosas obras, das que destacan Essai sur la typographie (Ensaio sobre a tipografía, 1851), Essai sur l’histoire de la gravure sur bois (Ensaio sobre o gravado en madeira, 1863), Des Apocalypses figurées, manuscrites et xylographiques (Apoclipses figuradas, manuscritas e xilográficas, 1870) e Les graveurs de portraits en France (Os gravados de retratos en Francia 1875-1877). Pierre-François Didot (París 1731 - 1793), segundo fillo de François Didot e irmán de François-Ambroise, foi nomeado en 1765 impresor de Monseñor (máis tarde Luís XVI). Un dos seus fillos, Henry Didot , inventou o molde poliamatipe. A outro dos seus fillos débeselle a execución da máquina de papel continuo, inventada por Robert. Un terceiro fillo, chamado Didot Jove , foi un impresor estimado.