dinka
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo dos dinkas.
-
s
[ETN]
Individuo do pobo nilótico dos dinkas.
-
s
m pl
[ETN]
Pobo que habita na conca central do Nilo, nas confluencias dos ríos de Bahr el-Gebel e Bahr el-Ghazal, e forman parte dos pobos de cultura nilótica. Viven da gandería, pero tamén practican a pesca e a caza. Presentan unha estrutura social igualitaria e definida polas necesidades do coidado do gando e formada por clans exogámicos e patrilineais. Os seus poboados están constituídos por chozas circulares, con teitos cónicos de palla nas que gardan escasas propiedades. A unidade base da sociedade está formada por un campamento de pastores integrado por un home, xunto aos seus fillos e ao gando. A asociación de varios destes campamentos (por parentesco, amizade ou asociación económica) constitúen un campamento maior que, agrupados, forman unha subtribo. As tribos, compostas de varias subtribos, poden ter entre 1.000 e 30.000 individuos que se xuntan en grandes grupos rexionais cunhas características lingüísticas, culturais e territoriais compartidas. Dentro do territorio dos dinka distínguense vintecinco grupos, os máis coñecidos son os agar, os aliab, os bor, os rek e os malual. Cada un destes grandes grupos rexionais conta cun xefe, que ten un status oficial dentro do goberno provincial sudanés na Rexión do Sur. Adoran ao ser creador, deus do ceo, da chuvia e da fertilidade. Tamén lles renden culto aos antepasados e aos tótems.
-
s
m
[LING]
Lingua pertencente ao phylum nilosahariano que se fala na república do Sudán.