Dióniso
Divindade grega de orixe frixia ou tracia. É o deus do viño, da viña e do delirio místico. Fillo de Zeus e Semele, pertence á segunda xeración dos olímpicos. Embarazada de seis meses, Semele pediulle a Zeus que lle mostrase o seu poder, pero, ao non poder aguantar a visión dos relampos que rodeaban o deus, caeu fulminada. Zeus, entón, extraeulle o neno do ventre e coseuno na súa propia coxa ata que cumpriu os nove meses de xestación; por esta razón, recibiu o alcume de δι ϴ ύραμβος ‘nado dúas veces’. Durante a súa infancia criárono os reis de Orcómeno, Atamante e Ino, ata que Hera, celosa dos amores adúlteros de Zeus, volveunos tolos. Despois Zeus levouno a Nisa, onde, metamorfoseado en cabrito, foi custodiado polas ninfas. Xa adulto, descubriu a vide e a súa utilidade, pero Hera enloqueceuno. En Frixia, a deusa Cibeles purificouno e iniciouno nos ritos do seu culto. En Tracia protexeuno a nereida Tetis da constante persecución do Rei Licurgo. Logo marchou á India, país que conquistou coas armas e encantamentos, e despois a Beocia, onde nacera a súa nai. Posteriormente foi a Tebas, onde introduciu as dionisias, celebracións caracterizadas polo delirio místico. Seguidamente, solicitou os servicios duns piratas tirrenos para que o levasen a Naxos, pero estes, conducírono en realidade a Asia para vendelo como escravo. Ao decatarse do engano transformou os remos en serpes, encheu o barco de hedra e fixo soar frautas invisibles; os piratas botáronse ao mar e convertéronse en golfiños. O seu poder foi recoñecido dende aquela por todo o mundo e puido ascender ao Ceo. Na procura da súa nai descendeu ao Inferno; para que Hades a liberase, ofreceulle a súa planta favorita, o mirto. A lenda dionisíaca integra elementos de tradicións pertencentes a distintos países, desde Grecia ata Asia Menor. O seu culto propagouse (ss IX-VIII a C) a partir de Xonia e estableceuse principalmente en Beocia. Máis tarde identificárono con outras divindades, como Baco en Roma, Osiris en Exipto e Sama na India. Os seus ritos relixiosos derivan principalmente da orxía e da embriaguez. A iconografía da época arcaica (vasos de cerámica, moedas de Naxos, etc) represéntano coroado de pámpanos, cun cráter de viño na man e rodeado de sátiros, silenos ou ménades.