Divina Commedia

Divina Commedia
Nome científico: [A divina comedia]
[LIT]

Poema longo composto por Dante Alighieri entre 1307, aproximadamente, e 1321, ano da súa morte. É unha obra didáctico-alegórica, na que emprega a terza rima, que relata unha viaxe ao máis alá con intencións proféticas. A acción principal céntrase na peregrinaxe de Dante -convertido en personaxe- cara a Deus. Divídese en tres partes: Inferno, Purgatorio e Paraíso. Cada unha contén trinta e tres cantos, con excepción do Inferno, que ten un máis amodo de introdución ao conxunto. No comezo, Dante atópase perdido nunha selva da que tenta escapar trepando a unha montaña. Cando está a punto de abandonar, aparéceselle o poeta Virxilio (símbolo da razón ou do entendemento humano), enviado pola súa amada Beatrice, (encarnación da revelación divina) para axudalo. Advírteo de que tres obstáculos -un leopardo, un león e unha loba- impiden o paso e que para saír debe percorrer os tres reinos. Así, guiado por Virxilio, baixa ao Inferno. A súa andaina polos infernos remata ao pé do monte do Purgatorio, aquel que lle fora vedado no canto anterior por non estar preparado espiritualmente. Cumprida a primeira etapa da aprendizaxe, pode agora iniciar o ascenso. Tras subir os sete chanzos que se corresponden cos sete pecados capitais, Dante chega ao cume, ao paraíso perdido polo pecado de Adán. Alí despídese de Virxilio e reúnese con Beatrice. Deste modo, Virxilio, símbolo da ciencia terrestre, queda alegoricamente integrado en Beatrice, símbolo da ciencia divina, teoloxía ou revelación. Progresivamente, Dante, libre de pecado, vai intuíndo os misterios divinos ata que nun instante de éxtase se funde con Deus e se introduce plenamente na harmonía do universo.

Palabras veciñas

dividir | dividivi | Divina | Divina Commedia | divinal | Divinas palabras | divinatorio -ria