Divinas palabras

Divinas palabras
[LIT]

Obra dramática publicada por Ramón María del Valle-Inclán como folletín de El Sol en 1919 e, como libro, en 1920. Foi representada por primeira vez en 1933, pola compañía de Margarita Xirgu, baixo a dirección de Rivas Cherif e coa escenografía de Castelao. Representa a culminación da súa interpretación literaria do mundo rural galego, iniciada con Águila de Blasón (1907) e Romance de lobos (1908), e continuada con El embrujado (lida en 1913). Conta como a protagonista Mari-Gaila comeza a gañarse a vida exhibindo polas feiras un anano hidrocéfalo, Laureano, que recibira en herdanza -á morte da mendiga Juana la Reina, irmá do seu home-, o sancristán Pedro Gailo. A súa peripecia de feiranta remata cando o anano morre bébedo, mentres ela pasa a noite con Séptimo Miau, teatreiro engaiolante e descrido. A perda da fonte de diñeiro desencadea unha disputa entre a familia de Pedro Gailo e Marica del Reino, a outra irmá da defunta, que era tamén beneficiaria de Laureano. O clímax chega cando os veciños descobren a Mari-Gaila con Séptimo Miau e a levan espida sobre un carro de feo para que a castigue o seu home. Este tenta suicidarse pero logra calmar a todos repetindo en latín as ensinanzas do Evanxeo e o pobo remata retirándose por non enfrontarse coa xustiza. O “milagre musical” das palabras, que convencen pola entoación coa que se pronuncian, aínda que se ignore o significado, é un tema recorrente na produción do autor. Trátase dun texto de síntese onde se combinan elementos que apuntan tanto á idealización simbolista/modernista da súa primeira etapa, como ao mundo distorsionado grotescamente dos esperpentos. A acumulación de referentes da peza deu lugar a interpretacións contraditorias. Fronte a unha lectura histórica que recoñece os políticos Cánovas e Sagasta en Pedro Gailo e Séptimo Miau, respectivamente, outras defenden un sentido simbólico: o enfrontamento entre dúas concepcións opostas da existencia, o mundo sedentario da aldea, rexido pola moral tradicional, e o comportamento libre e anárquico dos personaxes errantes. Finalmente, o elemento galego sérvelle de base real á acción; recoñécense costumes ancestrais, como as atencións de botica que recibe a vaca enferma ou o culto aos mortos, que se reflicte nos prantos, na crenza no aire que despiden os cadáveres ou no continuo intercambio simbólico entre a parroquia dos vivos e a dos mortos.

Palabras veciñas

Divina | Divina Commedia | divinal | Divinas palabras | divinatorio -ria | divindade | divinilo