dobre

dobre

(< lat dŭple, adv dedŭplus)

  1. adx
    1. Que é dúas veces maior en número ou intensidade.

      Ex: Necesita unha corda de dobre tamaño.

    2. Que contén dúas veces a medida normal.

      Ex: Almorzou un café dobre.

    3. Que ten capacidade para dúas persoas.

      Ex: Querían un cuarto dobre, pero só quedaban individuais.

    1. adx

      Que está formado por dúas cousas iguais ou da mesma especie.

      Ex: A nova estrada de circunvalación terá dobre carril.

    2. adx e s m [XOGO]

      Ficha, no xogo do dominó, que ten o mesmo número de puntos en cada un dos lados nos que se divide o anverso.

      Ex: Botou o catro dobre e gañou a partida. Pechou cun dobre.

    3. adx [QUÍM]

      Aplícase ao composto, sal, óxido ou hidróxido, que se compoñen de dous metais ou radicais diferentes, como por exemplo, o fosfato (dobre) de amonio e de magnesio, ou o trióxido (dobre) de ferro (II) e de titanio.

    4. dobre acusativo [LING]

      Complemento, da sintaxe grega e latina, propio dos verbos que rexen dous complementos de obxecto, xeralmente un de persoa e outro de cousa. Por exemplo, en Doceo pueros litteras (Ensino as letras aos nenos), o verbo doceo rexe un complemento obxecto de persoa en acusativo (pueros) e un complemento obxecto de cousa en acusativo (litteras). O acusativo dobre tamén se empregaba en oracións nas que o complemento obxecto levaba un complemento predicativo, os dous en acusativo: Romani Ciceronem (complemento obxecto) patrem (predicativo) patriae appellaverunt (Os romanos chamaron a Cicerón pai da patria). En latín construíanse con dobre acusativo algúns verbos compostos da preposición trans-, nestes casos un dos acusativos era o complemento obxecto e outro un complemento de lugar: Exercitum (complemento obxecto) Ligerim (complemento de lugar) traducit (Fai cruzar ao exército o Loira).

    5. dobre articulación [LING]

      Dobre articulación.

    6. dobre concerto [MÚS]

      Concerto para dous solistas e orquestra.

    7. dobre páxina [COMUN]

      Formato publicitario empregado en medios impresos que consiste na utilización de dúas páxinas consecutivas para anunciar un determinado produto ou servicio.

  2. adx
    1. Que manifesta certa dualidade.

      Ex: Usa unha linguaxe chea de dobres sentidos.

    2. Que ten dous aspectos dos que só se amosa un.

      Ex: Os seus problemas derivan da súa dobre personalidade.

  3. Que é máis forte, robusto ou groso que de ordinario.

    Ex: Éche un home alto e dobre. Para atalo cómprenos un cordel dobre.

  4. s m
    1. Magnitude que equivale a dúas veces outra.

      Ex: Dezaseis é o dobre de oito.

    2. Cantidade igual a dúas veces a medida normal.

      Ex: Tomarei un dobre de coñac.

  5. m
    1. Persoa moi semellante a outra, coa que pode chegar a confundirse.

      Ex: Vimos unha moza que era o dobre da túa irmá.

    2. s

      Persoa que, nunha obra teatral ou nunha película, substitúe a outra máis coñecida na realización de escenas conflitivas ou que implican algunha dificultade ou risco físico especiais.

  6. s m pl [DEP]

    Partido, no tenis e noutros deportes, entre catro xogadores, divididos en dúas parellas, que poden ser mixtas ou non.

  7. s m pl [DEP]

    Infracción que comete o xogador de baloncesto ou de balonmán cando fai botar o balón por segunda vez despois de recibilo xa coas mans.

  8. s m [LIT]

    Procedemento retórico característico da poesía trobadoresca galego-portuguesa que se fundamenta nos principios da simetría e sistematicidade. Aínda que existen caracterizacións deste artificio que inclúen realizacións englobables no xenérico procedemento da repetitio, a definición que ofrece a Arte de Trovar que precede ao Cancioneiro da Biblioteca Nacional lexitima unha visión máis concreta, segundo a cal esta técnica consiste na repetición dun segmento de texto dúas ou máis veces en todas as estrofas dunha cantiga, respectando sempre a posición na que aquel elemento se itera na primeira estrofa; exclúese sempre o refrán como elemento xerador do artificio, pois as repeticións que se poidan dar nesta parte da cantiga veñen orixinadas polo propio carácter repetitivo do retrouso. O elemento repetido é xeralmente unha palabra, aínda que pode tratarse tamén dun sintagma ou mesmo pode chegar a ser un verso completo, que normalmente se coloca nas posicións inicial e final de estrofa. O termo iterado, que adoita incidir en contidos privilexiados no desenvolvemento temático da composición, pode aparecer en calquera posición -inicial, interna ou final- pero é, sen dúbida, o vértice de verso e, polo tanto, a posición de rima, o lugar preferido para este procedemento. Con todo, o termo dobrado pode ser distinto no paso dunha cobra a outra, xa que, segundo explica a Arte de Trovar “[o dobre] podem-no ir meter en outras palavras, pero sempre naquel talho e daquela maneira que o meterem na prim<eira>”. Aínda que o tratadista se refire á prolongación do procedemento á fiinda, só Pero Garcia Burgalês explorou esta posibilidade en dúas cantigas (“Ay eu coitad’! e por que vi” e “Ay eu coitado! e quand’ acharei quen”). Mesmo podería aplicarse esta denominación naqueles casos nos que o procedemento non se estende a todas as estrofas ou naqueloutros nos que a simetría se rompe nunha das cobras. O dobre funde as súas raíces en certas prácticas dos trobadores provenzais, pero foi na lírica galego-portuguesa onde acadou un maior grao de cultivo, aínda que é certo que tamén tivo certa continuidade no Cancionero de Baena. Este artificio retórico, fundamentado nunha aplicación peculiar dos procedementos repetitivos, evidenciaba unha notable destreza por parte dos trobadores, feito que vén confirmado, por outra parte, polo maior emprego do procedemento nas cantigas de mestría (nas que os versos de inicio e peche das estrofas constitúen as posicións más frecuentes para a localización da técnica), consideradas máis artificiosas e elaboradas ca as de refrán e, por outro lado, na cantiga de amor, xénero que, polo seu parentesco coa cansó provenzal, formaba parte do rexistro aristocrático e posuía, en consecuencia, un carácter máis refinado.

  9. dobre barra [MÚS]

    Liñas verticais que atravesan o pentagrama ou os pentagramas superpostos, que sinalan unha sección da peza.

  10. dobre compromiso [LIT]

    Concepto desenvolvido por Gregory Bateson, Don D. Jackson, Jay Haley e John Weakland no estudo “Toward a Theory of Schizophrenia” (1956) para explicar un tipo de proceso mental considerado característico da esquizofrenia. Aplicado ás relacións interpersoais, define unha situación na que se emite unha mensaxe que afirma algunha cousa e, ao mesmo tempo, inclúe unha información que nega ou problematiza tal afirmación de xeito que a mensaxe resulta contraditoria. A resposta convértese nun paradoxo, xa que o receptor cumpre á vez que incumpre o que se lle di. Na teoría literaria, emprégase para estudar certos procedementos e presupostos característicos da enunciación literaria, en concreto a posición ambigua do lector fronte á ficción que o compromete, por unha banda, co mundo ficional da obra en cuestión e, pola outra, coa súa propia experiencia da vida. Esta estratexia acada a súa máxima expresión na literatura metaficional.

  11. [MÚS]
    1. dobre corda

      Execución simultánea de dúas notas sobre dúas cordas distintas nos instrumentos de arco.

    2. dobres cordas

      Feito de pisar dúas, tres ou catro cordas ao mesmo tempo para conseguir dous, tres ou catro sons simultáneos nos instrumentos de arco.

  12. dobre enunciación [ESPECT/LIT]

    Presuposto básico da comunicación teatral que alude aos dous tipos de discurso que conviven nunha obra, o do escritor, presente en todos os diálogos e anotacións, que ten como destinatario o público, e os parlamentos que os personaxes se dirixen entre si. A primeira situación comunicativa chámase teatral ou escénica, e ten como emisores, ademais do autor, a todos os intermediarios que interveñen nunha montaxe (o director, os actores e os técnicos), mentres que a segunda, chamada representada, é a que se produce na ficción teatral mesma. Algúns autores consideran que a idea está xa implícita no concepto de fición literaria, posto que a voz do escritor subxace á de todos os personaxes produto da súa imaxinación. Así mesmo, nas citas, no estilo indirecto libre ou na ironía, superpóñense varios enunciadores e, polo tanto, distintas visións do mundo.

  13. dobre focalización [LIT]

    Expresión proposta por Gerald Prince en 1988 para referirse ao procedemento literario que consiste en presentar un mesmo feito desde dous puntos de vista diferentes de forma simultánea.

  14. dobre fuga

    Fuga con dous suxeitos principais.

  15. dobre lectura [LIT]

    Estratexia tipográfica que posibilita ler un mesmo texto de varias formas diferentes, segundo se inclúa ou non na lectura a información que se distribúe entre parénteses, barras oblicuas ou mesmo riscadas.

  16. dobre lóxica narrativa [LIT]

    Característica do relato proposta por Todorov que implica que toda unidade narrativa depende do dobre cumprimento das chamadas relacións de sucesión e de transformación. As primeiras impoñen a continuidade dun determinado estado de cousas, mentres que as segundas supoñen unha acción que altera e modifica a situación presentada ao principio.

  17. dobre rima [LIT]

    Expresión proposta por Tomás Navarro Tomás para referirse ao procedemento métrico que consiste no emprego de dúas series de rimas independentes nunha mesma estrofa, pero cunha disposición idéntica, de forma que a primeira actúa sobre a palabra inicial dos versos e a segunda sobre a derradeira.

  18. dobre sentido [LIT]

    Recurso lingüístico que consiste no emprego dunha palabra ou dunha expresión con dous significados diferentes, de xeito que a súa interpretación sexa ambigua. É habitual que un dos sentidos inclúa un matiz irónico ou paródico. Utilízase principalmente na literatura satírica para provocar a risa e o divertimento do receptor.

  19. dobre sextilla [LIT]

    Composición estrófica que resulta da suma de dúas sextillas, formadas por seis versos de arte menor cada unha. As sextillas adoptan distintas formas segundo a disposición da rima, que pode ser alterna (aba:aba), aguda (aaé:aaé), paralela (aab:aab) e correlativa (abc:abc).

Palabras veciñas

dobramento | dobrar | dobraxe | dobre | dobregable | dobregar | dobrete