Dolby
Sistema de reprodución de son rexistrado como marca comercial pola compañía inglesa Dolby Laboratories -fundada en 1965-, que serve para reducir o nivel de ruído de fondo nas gravacións magnéticas, as emisoras e os discos. Baséase na separación en dúas bandas do espectro sonoro. A banda de agudos, máis sensible ao ruído de fondo, comprímese durante a gravación e expándese durante a reprodución, de xeito que o son resultante gañe en calidade. Nos anos setenta apareceu o sistema Dolby Stereo que revolucionou o son nas salas cinematográficas. Tratábase dun novo formato óptico que conseguía codificar catro canais nun sinal estéreo. A partir de 1982 comezou a expansión do sistema Dolby Surround para a televisión doméstica, o vídeo e o DVD. Con el conséguense efectos moi semellantes aos do son estéreo no cine. Trátase dun conxunto de cinco altofalantes colocados diante e detrás da televisión e mais un central, axudados por un amplificador con decodificador, que facilitan a emisión ou reprodución en estéreo. Coa incorporación dunha canle especial para graves profundos e coa axuda dos novos decodificadores AC3 ou MPEG2, mellorouse aínda máis a calidade de reprodución ou emisión das plataformas dixitais e do DVD.