dolce stil novo*
Grupo poético xurdido en Italia a mediados do s XIII no que se encadran Guido Guinizzelli, Guido Cavalcanti, Dante -nunha primeira etapa-, Lapo G., G. Alfani, Dino Frescobaldi e Cino da Pistoia. O seu nome propúxoo Francesco de Sanctis no s XIX, a partir dunha pasaxe da Divina Comedia de Dante (Purgatorio, XXIV, v. 57), onde o poeta florentino Bonagiunta da Lucca recoñece o autor como cultivador do “dolce stil novo ch’i odo”, fronte á tradición trobadoresca. A súa poética partiu da filosofía tomista, da escola poética siciliana e das convencións do amor cortés da poesía provenzal, que reformularon baixo o influxo do movemento franciscano que predicaba a sinxeleza, a sinceridade e a convivencia harmónica entre o home e a natureza. O tema único destes poetas foi a expresión dun amor espiritualizado e interiorizado ao máximo, que superaba a idea trobadoresca da vasalaxe entre o poeta e a dama, propia do feudalismo, en favor do concepto de gentilezza, de aí que na súa poesía, a xentileza se identificase cunha calidade do espírito que non se transmitía coa liñaxe, senón que residía na virtude individual. O novo enfoque supuxo tamén unha evolución na concepción da dama, que deixou de ser a señora que dominaba o corazón do poeta, para converterse nunha donna angelicata, unha criatura divina que coa súa beleza, entendida como reflexo da súa perfección moral, provocaba no namorado un desexo de perfeccionamento e elevación espiritual cara a Deus. Deste xeito, os seus poemas limítanse á descrición dos procesos psicolóxicos do eu lírico e silencian ou restan valor a todo acontecemento exterior, alleo ao propio sentimento. Estilisticamente, caracterízanse pola depuración de elementos ornamentais innecesarios e a busca da claridade e da harmonía; os metros máis empregados foron o soneto, a canción italiana e a balada, con versos hendecasílabos e heptasílabos. A súa influencia mantívose vixente ata principios do s XIV e deixou unha fonda pegada en poetas como Petrarca, Matteo Frescobaldi ou Boccaccio.