dolo

dolo

(< lat dolu)

  1. s m

    Astucia, artificio ou malicia empregadas para enganar a unha persoa e que supón voluntariedade de producir un prexuízo que haberá que indemnizar segundo o grao ou a extensión.

  2. s m [DER]

    Realización consciente e voluntaria dun acto antixurídico. É o engano fraudulento do que se serve un contratante para prexudicar a outro. Pódese falar de dolo en dereito penal e tamén en dereito civil. En dereito civil produce como resultado a discrepancia entre a realidade e o que a persoa afectada polos actos do outro sabe ou pensa. É anulable dentro dun prazo legal, e transcorrido este convértese en inatacable. En dereito penal, o dolo é un elemento fundamental de responsabilidade criminal, que se integra pola vontade de executar o feito delitivo e a conciencia da súa execución. É incompatible coa culpa, a imprudencia e o caso fortuíto, e graduable coa preterintencionalidade.

  3. dolo bo/dolus bonus [DER]

    Tipo de engano menor ou relativo dun negocio xurídico, que se acepta en canto se mantén dentro da marxe de tolerancia que marcan os usos, os costumes e a moral pública. Neste tipo de enganos empréganse, entre outras cousas, eloxios expresivos e propaganda esaxerada, para conseguir concluír o negocio xurídico.

  4. dolo causante [DER]

    Dolo dun contrato que consiste no uso de palabras ou maquinacións insidiosas por parte dun dos contratantes para inducir ao outro a celebralo. É un vicio de consentimento que dá lugar á posibilidade de anular o contrato.

  5. dolo directo [DER]

    Dolo que se comete cando o axente o preveu como seguro e quixo directamente o resultado da súa acción ou omisión, ou os resultados ligados a ela de modo necesario.

  6. dolo incidental [DER]

    Nun contrato, aquel polo que un dos contratantes induce ao outro a celebralo nunhas condicións diferentes ás que, sen engano, tería aceptado. Non é causa de anulación, pero dá lugar á indemnización por danos e perdas.

Palabras veciñas

Dolmen | dolménico -ca | Dolni Věstonice | dolo | Dologale | Dolomedes | dolomía