Don Camilo
Revista cultural de periodicidade cuadrimestral aparecida en abril de 1993. Editada pola Irmandade de Fillos e Amigos de Quiroga, foi coordinada por Alfonso Álvarez, Aurea González e Ramón Estévez. Trátase dunha publicación na que se recollen informacións sobre etnografía, historia, festas, deportes e cultura da comarca, ademais de referencias a aspectos turísticos das localidades próximas a Quiroga. No apartado literario, incluíronse artigos dedicados aos homenaxeados no Día das Letras Galegas, como Luís Seoane ou Rafael Dieste, ou diversos escritos sobre Celso E. Ferreiro, Ernesto Guerra da Cal ou Rosalía. Á parte, inseríronse sonetos de Lorca, artigos sobre a normalización da lingua galega, narracións breves de Serxán do Carme e panxoliñas recollidas da literatura popular.