dourada
(
Peixe mariño, duns 70 cm de lonxitude, co corpo oval, alto e comprimido, cuberto de escamas moi pequenas. O dorso é de cor gris azulada e os flancos amarelos prateados. Presentan unha mancha dourada na fronte e outra mancha negra na orixe da liña lateral, cunha marxe vermella no opérculo. A aleta dorsal presenta 13 ou 14 raios, dos que o primeiro é o máis pequeno; a aleta anal ten 11 raios. A aleta caudal aparece bordeada de negro. Teñen os beizos moi grosos e os dentes molares forman de dúas a catro fileiras, das que as externas son máis fortes, e un ou dous molares máis grandes ca o resto. A dourada é unha especie que presenta hermafroditismo protándrico, xa que primeiro madura coma macho -no primeiro ano e con 20 cm de lonxitude- e con dous anos e 30 cm de lonxitude convértese en femia. É unha especie sedentaria e litoral que habita en augas pouco fondas, agás no inverno, cando se reproduce e se despraza a augas máis profundas de ata 30 m, as máis das veces forman pequenos grupos que se alimentan principalmente de crustáceos e moluscos. Está presente dende o Atlántico tropical ata Reino Unido e é común no Mediterráneo. Os gregos consagrárona á deusa Afrodita e os romanos mantíñanas en inmensas cetarias. A súa carne é moi apreciada, e en España é unha especie sometida a cultivo piscícola que se reproduce en criadeiros e se engorda en estruturas en mar aberto.