douradura

douradura

(

  1. s f

    Acción ou efecto de dourar.

    Ex: O reloxo está tan gastado que precisa unha douradura.

  2. s f [ARTE]

    Técnica artística que consiste no revestimento da parte externa dos obxectos con ouro. Pódese dourar sobre diversos materiais, entre eles, a pedra, a madeira, o papel, os metais e a cerámica. Comezou a empregarse no Antigo Exipto en manuscritos, mobles e sarcófagos. No mundo clásico utilizouse a bráctea para revestir estatuas e mobles. Os romanos foron os primeiros en aplicar o po de ouro que a partir da Idade Media se usou en mobles, retablos e esculturas de madeira. Durante o Barroco foi unha técnica moi empregada na imaxinería española. Nas esculturas de metal, principalmente de bronce, realízase mediante dúas técnicas: o dourado por pans de ouro, que consiste na aplicación de follas moi finas de ouro sobre a superficie da peza, que tiña que ter un aspecto previo granulado, golpeadas cun martelo para acadar a adherencia precisa; e o dourado con lume, que consiste na aplicación dunha amalgama de ouro e mercurio sobre a peza para despois quentar o mercurio ao lume para evaporalo. No terreo da ebanistería realizouse mediante distintos métodos: á auga, coa superficie preparada cunha base de xeso; ao óleo, feito con cerusa ou ocre a base de aceite; e con verniz, empregando unha folla de prata sobre a que se impregna unha laca que imita o ouro. A España musulmá empregou os pans de ouro para dourar o coiro en cordobáns e na encadernación. Na cerámica, a imitación dos reflexos do ouro, realízase por medio dunha aliaxe de prata, cinabrio, sulfato de cobre, óxido de ferro e xofre que, disolta en vinagre, se aplica sobre a peza vitrificada que se volve cocer para logo refregala. O aspecto dourado será máis ou menos intenso segundo fora o fume que recibiu a peza durante a cocción no forno.

Palabras veciñas

douradiña | Dourado | dourado -da | douradura | dourar | Dourdil, Luís | Douro