dragón

dragón

(< lat dracone < grδράκων)

  1. s m [MIT]

    Monstro fabuloso, de gran fereza e voracidade, que se representa con ás, gadoupas grandes, cola de réptil e alento de lume. Os gregos denominaban δράκων  e os latinos draco a toda serpe de gran tamaño, pero o dragón das lendas medievais non se reduce a unha serpe, senón que toma elementos da constitución de diferentes animais agresivos e perigosos destinados a causar a morte: fauces de crocodilo, cola de crocodilo ou pitón, e garras de aguia ou de león. Estes animais escollidos para conformar a cosmogonía do dragón pertencen aos tres medios naturais: (ós terrestres) a serpe e o león; (ós acuáticos), a serpe de mar ou o crocodilo; (ós voadores) a aguia e o morcego. Desta forma o dragón vén ser un animal artificialmente aéreo, acuático e terrestre, no que se concentran as armas naturais máis mortíferas; é, xa que logo, o animal maléfico por excelencia. Os tres medios naturais correspóndense con tres dos catro elementos dos que falaba a filosofía antiga: terra, auga e aire. Así, nas representacións artísticas, o león ou a serpe adoitaban servirlles de atributo á terra; o crocodilo, á auga; e a aguia, ao aire. O elemento fogo está representado no lume que bota pola boca, con todo o seu poder destrutivo. Por outro lado, as cabezas múltiples intensifican a impresión de vitalidade. Na tradición cristiá, desde a Apocalipse ata os contos populares modernos, adoitan ser sete. O significado deste número explícase pola admiración antiga fronte á regularidade do transcurso do tempo en períodos de sete días; primeiramente, converteuse en símbolo do período completo e perfecto, e logo en símbolo de plenitude ou totalidade. En definitiva, no dragón reúnense as maldades da natureza no seu conxunto; o monstro alado, acuático, terrestre e ignífero simboliza a faceta maléfica da natureza. Ao igual ca a aguia, o crocodilo e outros animais nos que se unen fortaleza e instinto sanguinario, o dragón simboliza o tirano e constitúe unhas das representacións de Satanás. Xa na cosmogonía primixenia do antigo Oriente Próximo simbolizaba a destrución, e considerábase inimigo dos deuses e dos homes. Os cristiáns herdaron este carácter maléfico e na Biblia, especialmente no libro da Apocalipse (co nome de Leviatán e Rahab), simboliza o pecado. Por iso, foi identificado co paganismo e logo coa herexía. O mesmo san Xoán di que polo dragón debe entenderse a serpe antiga, o chamado diaño, Satanás. A boca do dragón lembra, ademais, a entrada do inferno que traga os perversos; e, ao igual có demo, o dragón habita no mar, no monte, nas covas e noutros lugares maléficos. Deus é a suma perfección e non está sometido ao poder do mostro, sempre o vence. Os anxos, os santos e os mártires, partícipes da perfección divina, como san Xurxo e san Teodoro, aparecen na iconografía loitando co dragón coas armas ou esmagándoo co pé, co fin de representar o triunfo dos cristiáns sobre o pecado. Na mitoloxía clásica asóciase cun gardián, papel que retoma nos romances medievais, onde a miúdo aparece custodiando doncelas cativas. Os gregos e romanos crían que podían estender e transmitirlles aos mortais os misterios do mundo. Na Iliada Agamemnon levaba representado no seu escudo a figura dun dragón azul e tricéfalo para infundirlles pavor aos inimigos; entre os romanos, foi insignia tamén de cohorte, como a aguia da lexión. A súa condición dual e antagónica mestúrase no folclore das tribos pagás do N de Europa. Así, os antigos piratas escandinavos pintaban dragóns nos seus escudos e esculpían cabezas de dragón nas proas das naves. Entre os conquistadores celtas da Bretaña constituía un emblema heráldico, símbolo da soberanía, e durante a ocupación romana do s I a C converteuse en estandarte militar. Tamén aparece nos escudos das tribos teutonas que máis tarde invadiron Bretaña, e ata o s XVI víase nos estandartes de batalla dos reis ingleses.

  2. [HERÁLD]
    1. s m

      Animal representado de perfil con cabeza de serpe, corpo de crocodilo, patas de aguia ou de réptil, ás de morcego, lingua acabada en punta de dardo, rabo retorcido en volutas e coa punta alzada.

    2. dragón monstruoso

      Figura de dragón con cabeza humana barbada de serpes.

  3. s m [BÉL]

    Soldado de cabalería que levaba sabre e carabina e que realizaba o servicio igualmente a pé ou a cabalo. O corpo dos dragóns creouno en Francia o mariscal Cossé-Brissac (1554), e introduciuse nos exércitos hispánicos a principios do s XIX. Actualmente, designan os rexementos mecanizados de cabalería.

  4. s m [MAR]

    Embarcación de regatas deseñada en 1929 polo enxeñeiro noruegués Johan Anker. Ten case 9 metros de eslora.

  5. s m [VETER]

    Mancha ou tea branca e opaca que se forma nos ollos dos cabalos e doutros cuadrúpedes.

  6. dragón de Komodo [ANIMAL]

    varano de Komodo.

  7. dragón voador [ANIMAL]

    Réptil do xénero Draco.