Du contrat social ou Principes du droit politique
Obra inacabada de Jean-Jacques Rousseau publicada en 1762 e dividida en catro libros. No primeiro ocupouse da formación das sociedades e do contrato social; no segundo, da soberanía, entendida como a vontade xeral, e os seus dereitos; no terceiro enunciou as principais formas de goberno (democracia, aristocracia e monarquía) e o seu exercicio; no cuarto analizou algunhas institucións sociais, como as maxistraturas gregas e romanas, e a relixión, e propuña que o Estado debería establecer unha relixión civil depositaria do código moral. O autor fundamentou a necesidade de formas sociais e do Estado, xa que a liberdade natural do home está alienada, e presentou o contrato social como un pacto do individuo coa comunidade, entendida como suxeito de dereito político, coa finalidade de unir as vontades para acadar e conservar un ben maior. Nese convenio o home perde a súa liberdade pero vese recompensado coa defensa que recibe do establecemento de leis protectoras. A soberanía, que se fundamenta na confluencia das vontades dos individuos, está fixada en leis e custodiada polo goberno para vixiar o seu cumprimento en beneficio de todos. Está influída polo pensamento de Hobbes e Locke e pola obra Esprit des lois (O espírito das leis) de Montesquieu.