Du Pont de Nemours and Company
Empresa química norteamericana con sede en Wilmington (Delaware). Fundada en 1802 por Eleuthère Irénée Dupont de Nemours (1772-1834) como fábrica de pólvora, a partir de 1832 empezou a diversificar a súa produción co nitrato de potasio refinado, o ácido leñoso e a creosota. En 1899 converteuse en corporación e comezou a realizar un importante labor de investigación para mellorar os seus produtos. Con este fin, construíu en Gibbstown (New Jersey) un dos primeiros laboratorios de investigación industrial de EE UU. En 1903 iniciou a investigación no campo dos polímeros artificiais e descubriu, entre outros, o neopreno (1931) e o nailon (1935). Na década dos corenta presentou numerosos produtos, froito da investigación en química, bioloxía e novos materiais. Nos anos sesenta tivo lugar a súa expansión por setenta países de América, Europa, Asia e África. En 1981 mercou a sociedade petroleira norteamericana Continental Oil Company (CONOCO), coa que se introduciu no campo da enerxía. A presenza da corporación na Península Ibérica remóntase a 1962, pero non foi ata 1981 cando se constituíu a filial Du Pont Ibérica con sedes en Barcelona, Madrid, Bilbao, València, Peñíscola, Alacant, Lisboa e Porto. En 1993 entrou en funcionamento a primeira planta de produción do complexo industrial de Asturias. Está integrada no índice Dow Jones Industrial Average (DJIA).