écfrase

écfrase

(< gr ἐκ‘fóra de’ + lat phrasis, do gr φράσις‘expresión’)

s f

Figura retórica de pensamento que consiste na descrición dunha obra artística a través da linguaxe, de xeito que se represente vivamente ante o lector ou oínte. A súa primeira aparición en escritos retóricos atribúese a Dionisio de Halicarnaso. Máis adiante converteuse nun exercicio escolar. O exemplo clásico é a descrición que Homero fai en A Ilíada (capítulo XVIII) do escudo de Aquiles, imitado máis adiante no Scutum, de Hesiodo -na descrición do escudo de Heracles- ou na Eneida, de Virxilio -do escudo e Eneas-, entre outros. Procedemento habitual na literatura greco-latina antiga, cultivouse á marxe da épica en diferentes obras como as Metamorfoses de Ovidio -plasmación das tapicerías de Minerva e Aracne-, no poema 64 de Catulo -descrición dunha colcha-, en De rerum natura de Lucrecio -o retrato de Marte e Venus- e mesmo na poesía epigramática. Outras mostras posteriores de gran sona foron La Galeria de Marino ou a representación do Pandemonium no libro I do Paradise lost (Paraíso perdido), de John Milton, ambos do Renacemento, ou a Ode on a grecian urne (Oda a unha ánfora grega) do poeta romántico John Keats.