Edipo
Heroe grego, fillo de Laio e Iocasta, reis de Tebas. Na Ilíada (XXIII) e, sobre todo, na Odisea (XI) fundaméntase o núcleo do mito e traxedia de Edipo. Na tradición representada por Sófocles, o oráculo de Apolo profetizoulle a Laio no momento de nacer Edipo, que un dos seus fillos o asasinaría e que casaría coa súa nai; na tradición de Esquilo e Eurípides, sen embargo, o oráculo é anterior á concepción e vaticínalle a Laio que, de enxendrar un fillo, este sería o causante da súa morte e do afundimento do seu reino. Por esta razón, cando nace o meniño, Laio, para impedir que se cumprise o oráculo, expono e fúralle os calcaños para atalos cunha correa (feito polo que lle darían o nome de Edipo que significa ‘pé inchado’). Segundo unha versión, botaron o naipelo no mar dentro dunha canastra na costa setentrional do Peloponeso (Sición ou Corinto), onde o recolleu Peribea, muller do Rei Pólibo; segundo outra, foi abandonado dentro dunha vasilla no monte Citerón, preto de Tebas, e uns pastores corintios collérono para dárllelo aos seus reis; na versión de Sófocles, o criado do Rei Laio, encargado de expoñer o meniño, entregóullelo a uns pastores estranxeiros. En todo caso, as diversas versións coinciden en que foi adoptado por Pólibo. Ao cabo duns anos, cando Edipo abandona a corte na procura duns cabalos roubados, establécese unha lea e un corintio dille que el é un neno recollido, polo que inmediatamente interroga a Pólibo, quen acaba por lle confesar a verdade. Daquela, marcha a Delfos para consultar o oráculo e saber quén foran os seus pais; nesta viaxe atopa o seu verdadeiro pai. Un heraldo deste, Polifontes ou Polipetes, ordénalle a Edipo que lle ceda o paso ao rei e, como se demora na encomenda, mátalle un cabalo; na regueifa que se forma, Edipo acaba matando o heraldo e a Laio. Nesta última versión, na viaxe de volta de Delfos, o oráculo de Apolo predille a Edipo o parricidio e o incesto, feito polo que decide desterrarse de Corinto. Ao chegar a Tebas encontrou a Esfinxe, que tiña por costume formularlles enigmas aos viaxeiros e devorar os que non eran quen de os resolver. Así aconteceu ata que Edipo descubriu o segredo e a Efixie, anoxada, guindouse desde o alto da rocha. Como recoñecemento por liberar o pobo tebano do monstro, entronizárono e déronlle a Iocasta como esposa (coa que tería dous fillos, Eteocles e Polinices, e dúas fillas, Antígona e Ismene), e esta, ao verlle as cicatrices que tiña nos calcaños, descubriu que era o seu fillo. Esta versión foi modificada por Sófocles, que en Edipo Rei fai que sexa o propio Edipo quen recoñeza a súa identidade. Cando unha praga devasta a cidade, Edipo envía o seu cuñado Creonte a Delfos para interrogar o oráculo sobre a causa desta calamidade, e o rexente volve dicindo que a maldición non cesaría ata que se vingase a morte de Laio. No proceso de pescuda da verdade do crime, Edipo pregúntalle ao adiviño Tiresias quén fora o culpable; e como este, coñecedor do drama, evade a pregunta, Edipo desconfía del e de Creonte. Daquela, Iocasta, para evitar o enfrontamento, pon en dúbida os poderes de Tiresias e lembra o antigo vaticinio da morte de Laio; coa especificación dos detalles da morte, Edipo decátase de que podería ser el o asasino. Seguidamente, chega de Corinto un emisario que lle comunica a morte de Pólibo e tamén lle di que non era o seu verdadeiro pai; esta revelación corrobora a sospeita de Edipo: matara a seu pai e cometera incesto coa súa nai. Ao instante, Iocasta afórcase e el cégase espetándose un prendedor da nai nos ollos. Na versión épica, Edipo continúa co reinado trala morte de Iocasta, e nos autores tráxicos é desterrado e inicia unha longa peregrinaxe na compaña da súa filla Antígona, ata que chega a Ática, onde morrería.