Diario de Arousa
Xornal de información xeral editado a partir do 24 de febreiro de 2001 en Vilagarcía de Arousa. Forma parte do grupo editorial La Capital S L, integrado ademais por El Ideal Gallego, Deporte Campeón e Diario de Ferrol. Dirixido por Antón Xil Alcántara, como diario que inclúe tamén información comarcal, abrangue unha área que comprende as comarcas e concellos de Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, O Grove, O Salnés, Caldas-Umia, Pontevedra e O Barbanza. Das 64 páxinas que contén, 48 delas inseren novas de carácter comarcal. Ten unha tiraxe media de 7.500 exemplares e unha estimación aproximada de 30.000 lectores diarios. Ademais do suplemento deportivo dos martes, dedicado a equipos xuvenís e infantís da comarca, edita todos os domingos “O Salnés Siradella”, onde inclúe información de carácter social.