Éfeso

Éfeso

Antiga cidade da costa occidental de Asia Menor fundada polos hititas no s XIV a C. O establecemento do príncipe grego Androclo, fillo do rei de Atenas, deu orixe a unha dinastía que derrubaron os cimerios no 645 a C. Reconstruíuse máis tarde e converteuse nun importante centro comercial e bancario pola súa estratéxica situación. Conquistada sucesivamente por Creso de Lidia (560 a C), os persas (546 a C) e os atenienses (494 a C), permaneceu baixo o dominio persa durante o s IV a C. Liberada por Alexandre o Grande (334 a C), despois da súa morte integrouse nos dominios de Lisímaco, que a trasladou a un novo lugar cun porto mellor (287 a C). Sometida ás dinastías dos Seleucos, formou parte do reino de Pérgamo e incorporouse ao Imperio Romano logo da morte de Átalo III (133 a C). Conquistada por Mitrídates VI do Ponto (88 a C), despois dunha longa campaña dirixida por Sila volveu ao poder dos romanos (63 a C) e converteuse no centro administrativo da provincia de Asia. A acumulación de aluvións cegou o seu porto no s II d C e nos séculos seguintes perdeu a súa importancia comercial. No 1304 pasou ao poder dos turcos. Do seu patrimonio cultural destaca o Artemisión, templo xónico de comezos do s VI. Da antiga cidade helenística e romana consérvanse, entre outras, ruínas de templos e edificios públicos, e da época paleocristiá diversas igrexas.