égloga

égloga

(

s f [LIT]

Subxénero lírico-dramático que recrea unha conversa entre dous pastores no marco dunha natureza idealizada. As súas orixes remóntanse á poesía helenística do s III a C e, en particular, aos Idilios de Teócrito, pero foron as Bucolica ou eclocae de Virxilio as que fixaron a estrutura dialogal, o tipo de personaxes (pastores convertidos en figuras abstractas ou simbólicas), os tópicos (amores non correspondidos) e o espazo (locus amoenus). Orixinariamente era un xénero menor, pero o modelo consolidouse con Tito Calpurnio (s I d C) e estendeuse pola Romania ao longo da Idade Media, ata acadar un gran desenvolvemento en Italia co Bucolicum Carmen de Petrarca, co Ninfale D’Ameto de Boccacio, e coa Arcadia de Sannazaro, obra que supuxo unha evolución das constantes iniciais, posto que engadiu un significado e unha simboloxía ligados ao mundo cortesán e humanístico do Renacemento. En España proliferou a partir do s XV da man de Juan del Encina e Lucas Fernández, que a empregaron para nomear pezas teatrais de asunto sacro ou profano protagonizadas por pastores, e durante o Renacemento os seus principais representantes foron Garcilaso de la Vega e Juan Boscán. No s XVII continuou a cultivarse con algunhas innovacións, das que cómpre citar as églogas de Lope de Vega Amarilis e Égloga a Claudio, ou os poemas maiores de Góngora Soledades e Fábula de Polifemo y Galatea. A tradición perdurou no s XVIII en pezas como Delio y Mirta, de frei Diego González; Églogas, de J. Iglesias de la Casa; e El zagal del Tormes, Aminta e En alabanza de la vida del campo, de Menéndez Valdés.