eira

eira

(< lat arĕa)

s f [ETN]

Espacio de terra descuberto, chan e adaptado á forma do terreo, sobre o que se pousan e baten os cereais para separar o gran da palla, ou onde se secan legumes, castañas, fabas, cabazos ou froita, se esfolla o millo e mesmo se botan as redes a secar na costa. A eira ou aira adoita estar próxima á casa, ao alpendre e ao hórreo, para así facilitar o carrexo e almacenamento dos produtos, e procúranse sitios aireados, ben asollados e despexados de árbores que poidan dificultar a acción do vento. Cando se trata dunha eira comunal, érguense ao seu redor un agrupamento de hórreos. En canto á construción e ao espacio, pódense clasificar basicamente en dous tipos: a eira de terra, que se constrúe sobre un terreo natural ben limpo e nivelado, preparada cunha mestura de bosta de vaca e auga, secada ao sol e ben pisada para formar un bo firme; e a eira empedrada, construída con lousas de granito ou xisto. Das dúas, prefírese o empedrado por cuestións de limpeza. De ser de terra, cómpre preparala para a malla, que adoita celebrarse a mediados do mes de agosto, logo de colleitar e xuntar o cereal en medas e separar o gran da palla mediante unha serie de traballos colectivos. O seu uso, cando se trata dunha propiedade comunal, faise por rigorosa vez entre os veciños, e o resto do ano emprégase cando se precisa e está baleira. Ao redor desta construción hai unha gran riqueza de costumes e refráns. Na toponimia documéntanse formas como Eiras, Eiravella, Eiravedra ou Eirado. Na tradición oral recóllense ditos como: “Eira ou cociña, sempre a miña. Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira. O sol na eira, e a choiva na nabeira. Durmir e gardar a eira, non hai maneira. Dao Deus na eira e tólleo Marta na amasadeira”.

Refráns

  • A eira, cando a deixa; a moza, cando a comeza.
  • Limpa e arraoxa a eira, cando está ágosto á beira.