Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular
Asociación transfronteiriza integrada polas 18 principais cidades da Comunidade Autónoma de Galicia e da Rexión Norte de Portugal, que promove a cohesión económica, social e cultural mediante a vertebración do territorio común. Este espazo rexional inclúe as cidades de Vigo, Porto, Santiago de Compostela, Lugo, Ferrol, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Braga, Bragança, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Guimarães, Peso da Régua e Vila Nova de Gaia. A principal finalidade da organización é o desenvolvemento económico, social, cultural, tecnolóxico e científico das cidades e rexións que a constitúen. Os seus obxectivos prioritarios son as obras de infraestruturas, telecomunicacións, política social, protección e promoción medioambiental, turismo, movementos migratorios e mercado de traballo, e a promoción de todo tipo de actividades económicas, sociais, culturais e deportivas que conecten coas raíces e a identidade dos concellos membros. En 1991, Carlos Alberto González Príncipe, alcalde de Vigo, propúxolle ao seu homólogo do Porto, Fernando Gomes, a conveniencia de desenvolver un instrumento de cooperación transfronteiriza que, no ámbito da Unión Europea (daquela Comunidades Europeas), permitise coordinar as políticas e investimentos das distintas administracións co horizonte de acadar un maior grao de desenvolvemento que chegase a situar o territorio rexional de Galicia e do Norte de Portugal entre os espacios máis desenvolvidos do continente. Na súa concepción orixinal, os precursores do novo ente pretendían tamén un reforzamento do protagonismo das administracións municipais no deseño das políticas de desenvolvemento e vertebración do territorio rexional, para que estas non esquecesen as necesidades das cidades e as áreas urbanas. Os responsables de Vigo e Porto iniciaron unha rolda de contactos cos mandatarios dos demais municipios da eurorrexión que se concretaron no establecemento de convenios de cooperación entre Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Porto e Vigo. O 1 de abril de 1992 asinouse en Porto unha declaración para a constitución oficial da organización. En xuño dese mesmo ano, os alcaldes de Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Porto, Viana do Castelo, Vila Real, Chaves, Braga e Bragança reuníronse para asinar os estatutos. Ao acto asistiron o presidente da República Portuguesa, Mario Soares, e o secretario de Estado español para as Comunidades Europeas, Carlos Westendorpf. A constitución formal do Eixo Atlántico tivo lugar en Viana do Castelo, o 28 de setembro. En outubro, o alcalde de Vilagarcía de Arousa solicitou formalmente o ingreso da súa cidade. Do mesmo xeito, o alcalde de Monforte de Lemos tamén solicitou o ingreso da súa cidade na asociación. En 1995 decidiuse a creación dun gabinete técnico estable, con sedes en Vigo e Porto.