Elam

Elam
[HIST]

Antiga rexión de Asia, situada ao N do Golfo Pérsico e ao L do baixo Tigris, no O do actual Irán. No VII milenio a C desenvolveuse alí unha civilización agrícola baseada na irrigación fluvial e durante o IV milenio a C xurdiron comunidades dedicadas á explotación do cobre que intercambiaban coa Baixa Mesopotamia. Trala fundación de Susa (ó redor 3700 a C), estableceuse o modelo das cidades-estado e a rexión desenvolveuse como centro comercial e cultural definido por unha escritura e unha glíptica propias. Durante o III milenio a C, a dinastía de Awan (2425 a C-2150 a C) unificou o territorio e estendeuse por outras zonas do actual Irán, onde se descubriron máis de trinta cidades vinculadas á explotación mineira. A comezos do II milenio a C, os elamitas invadiron Babilonia, estableceron unha nova dinastía en Larsa e dominaron Uruk e Isin. Derrotados por Hammurabi (s XVIII a C), no século seguinte desenvolveuse un novo reino elamita. Sometido pola I dinastía de Babilonia, sufriu a invasión dos casitas ata que no 1340 a C o Rei Hurpatila os expulsou e se iniciou unha nova etapa de esplendor baixo os gobernos de Šhutruk-Nahhunte e Kutir-Nahhunte, na que someteron Babilonia (ss XIII-XII a C). Ao redor do 1120 a C desapareceu das fontes ata o derradeiro período, denominado reino neoelamita (742 a C-638 a C), caracterizado polo achegamento aos babilonios e os enfrontamentos cos asirios. Derrotaron a Sargón II (721 a C) pero a inestabilidade dos diversos reinos nos que estaba dividida a rexión facilitaron a conquista polos asirios a mediados do s VII a C. Formou parte do Imperio Persa dende o reinado de Darío I (521 a C) ata a conquista de Alexandre o Grande (331 a C). Dende o 312 a C integrouse no Imperio Seléucida.

Palabras veciñas

elaídico, ácido | elaidina | elaiothesium | Elam | Ēlāmalai | elamita | Elanus