Eloi/Eloísa

Eloi/Eloísa
[ONOM]

Nome procedente do francés Eloi, derivado do latín medieval Eligius. A forma feminina posiblemente proceda do antigo alemán Helewidis, composto de haila ‘san, forte, robusto’ e vid ‘ancho, amplo, extenso’. Tamén hai quen pensa que vén das palabras xermánicas hold ‘glorioso’ e wild ‘combatente’. Presenta a variante gráfica Heloísa. O nome feminino popularizouse coa tráxica historia de amor vivida entre Eloísa (1101-1164) e o teólogo e filósofo bretón Pedro Abelardo. Fulberto metéraa no mosteiro de Argenteuil, poñéndolle de preceptor a Abelardo, pero nace unha gran paixón entre o mestre e a discípula; daquela, Eloísa marcha a Bretaña, onde dá a luz un neno, que recibiría o nome de Heliogábalo. Cando, finalmente, Eloísa casa en segredo con Abelardo, Fulberto, en vinganza, manda castralo. Malia todos os padecementos, os amantes manterían viva a súa paixón na distancia a través das cartas que se enviaban desde os respectivos mosteiros. Na iconografía santo Eloi pode aparecer como ourive, na súa tenda, vestido co traxe palatino e levando como atributos persoais un cáliz ou unha arqueta de metal; tamén aparece como ferreiro (cun martelo na man, e outras ferramentas) ou como bispo (con capa, casula ancha, mitra e báculo). A súa festividade celébrase o 1 de decembro.