eloxio
(< lat elogĭu)
- s m
-
s
m
[LIT]
Modalidade literaria que gaba en prosa ou verso os méritos dunha personalidade pública relevante. As súas primeiras manifestacións remóntanse á literatura grega antiga e presentan un marcado ton lírico, como os Epinicios de Píndaro. Co tempo estendeuse ao tratamento de temas políticos (Eloxio de Helena, de Isócrates), filosóficos (a exaltación do amor no Banquete de Platón) e mesmo se empregou con fins paródicos e burlescos, por exemplo no Eloxio da mosca, de Luciano de Samosata. Serviu tamén como fórmula para exercitar o virtuosismo nas escolas de retórica. Na Idade Media cultivouse con frecuencia con diferentes tons e intencionalidades. Pode aparecer inserido en obras maiores, como De las propiedades que las dueñas chicas han, incluído no Libro de Buen Amor (s XIII), do Arcipreste de Hita, con carácter burlesco, ou vincularse a outros xéneros, como a elexía, nas Coplas a la muerte de don Rodrigo Manrique, de Jorge Manrique (s XV). No Século de Ouro empregouse ademais nas dedicatorias que algúns escritores situaban ao comezo das súas obras para gabar os seus mecenas e protectores, así a dedicatoria da Égloga III de Garcilaso de la Vega, ou nas composicións laudatorias que se facían sobre determinadas obras, como por exemplo nos poemas encomiásticos de Juan de Solís, do Marqués de Alcañices, de F. Bermúdez y Carvajal e de F. De Lodeña que figuran nas páxinas previas ás Novelas Ejemplares, de Miguel de Cervantes. Existen tipos especiais de eloxio, como os discursos de recepción e ingreso de novos membros na Real Academia da Lingua.