Elvira

Elvira

Antiga cidade romana da Bética coñecida como Florentia Iliberritana e que se corresponde coa cidade de Granada. Sobre un núcleo de poboación ibérica desenvolveuse un municipio romano. O primeiro grupo de poboadores de orixe latina estableceuse no 218 a C, pero non foi ata o s II a C cando entrou a formar parte dos territorios romanos. Acadou o seu esplendor entre os ss I e III d C. Foi sede do primeiro concilio cristián de Hispania que, segundo distintos autores, se celebrou entre o 300 e o 306. Nesta asemblea aprobáronse 81 canons, compilados no s V, que reflicten as características do cristianismo hispano da época,e se ocupan da organización do clero, da relación cos xuíces e cos pagáns, da penitencia, da excomuñón, da idolatría e da apostasía. Ademais, instituíuse por primeira vez a norma do celibato presbiteral.