Elvira
Nome hispano de orixe visigótica, composto de *gails ‘lanza’ ou *gail ‘alegre’, e wêrs ‘amigable’. Documéntase xa no s IX como Geloyra, Gelovira ou Jelvira. Segundo algunhas hipóteses, viría das formas vascas iri ‘vila’ e berri ‘nova’, de xeito que se podería equiparar a outros topónimos, como Vilanova, Nápoles (composta de nea + polis) ou Cartago Nova (nome antigo de Cartagena). Presenta as variantes Xeloíra, Xelvira e os hipocorísticos Elva, Viruca, Virucha. Este nome difundiuse en Europa sobre todo durante o romanticismo, como consecuencia do éxito literario acadado polo drama de José Zorrilla, Don Juan Tenorio, no que a amante abandonada polo protagonista se chamaba Elvira. Tiña tamén este nome a antiga cidade romana da Bética coñecida como Iliberri, na que se celebrou o primeiro concilio eclesiástico de Hispania (300-306). O Martiroloxio Romano fala dunha virxe mártir con este nome, que se celebra o 25 de xaneiro; pero aínda hai outra Elvira, viúva e mártir, que se celebra o 8 de maio.