emerxencia
(< lat emergentĭa, ppres n pl de emergĕre)
-
s
f
Acción de emerxer.
-
s
f
[ECOL]
Fenómeno de ascenso á superficie de augas profundas e frías, xeralmente procedentes de menos de 100 ou 200 m de profundidade, máis ricas en nutrientes ca as augas superficiais, empobrecidas polo consumo biolóxico, que a medida que ascenden á zona iluminada asimílanse e transfórmanse en materia orgánica polo fitoplancto mediante a fotosíntese. Esta achega provoca o aumento das densidades do conxunto do plancto e, polo tanto, de todo o resto da cadea trófica relacionada. As áreas de emerxencia concentran unha gran cantidade de especies de peixes e delas proceden a metade das capturas pesqueiras mundiais. Atendendo á forza que motiva o fluxo vertical, distínguense distintos tipos de emerxencia: debida á aceleración de Coriolis, polo cal as augas se desvían cara á dereita no hemisferio N e á esquerda no hemisferio S, e que aparece principalmente nos bordos orientais dos océanos en contacto coas costas occidentais dos continentes; debida á diverxencia na zona ecuatorial producida polos ventos alisios que xeran correntes e transportan auga cara á dereita, ao N do Ecuador, e cara á esquerda, ao S (efecto tamén da forza de Coriolis); debida a diferencias de densidade que provocan unha circulación termohalina, na que as masas de auga máis densas se afunden e se substitúen por augas menos densas; e debida á acción de ventos continentais, máis ou menos constantes, que sopran dende o continente e que afastan a auga do litoral. Durante os períodos de emerxencias, a auga superficial presenta temperaturas menores ca as da atmosfera; polo tanto, o aire adxacente á superficie do mar enfríase e aumenta a súa humidade relativa, feito que xeralmente orixina a formación de néboas. Se a emerxencia é costeira tamén se intensifica a brisa do mar como resultado da diferenza de presión que existe entre o mar e o ambiente. Na Península Ibérica, mentres as emerxencias no Mediterráneo están relacionadas co vento Mistral, no Atlántico e no N de África dependen dos ventos alisios que provocan os xiros anticiclónicos do Atlántico Norte, que forman a corrente Noratlántica e a corrente de Canarias. Durante o verán, a zona de afloramentos desprázase cara ao N e, no mes de agosto, acada o cabo Ortegal, onde hai unha fronteira ben marcada polo Mar Cantábrico. Este afloramento ten importancia en Galicia e a auga emerxida penetra nas rías producindo o descenso de temperatura da auga que se observa no mes de agosto. A gran riqueza biolóxica das rías ten a súa orixe nas emerxencias costeiras e as achegas de sales nutrientes que penetran polo fondo das rías, xunto cos fenómenos de concentración provocados polo sistema de circulación dos esteiros. Nas rías galegas existe unha entrada de auga doce procedente dos ríos pola parte interior que pola súa menor densidade se despraza pola parte superfical e unha entrada de auga oceánica máis densa dende a boca da ría que tende a compensar esta saída. O vento, moitas veces levado por sistemas de serras orientadas de xeito máis ou menos paralelo á costa, ao actuar sobre a superficie da ría acelera a velocidade da auga menos densa, ademais de afastar a tona superficial, feito que tamén favorece a entrada de auga oceánica. Á vez que o plancto emprega estes nutrientes, a masa de auga afástase da costa e comeza a sedimentar gran parte destas partículas, polo que entran a formar parte da masa de auga que penetra polo fondo da ría e incrementan a concentración de minerais da auga. A produtividade é máxima cando a velocidade de circulación de auga está acoplada co ciclo biolóxico do plancto e existe unha mínima saída de partículas de materia orgánica da ría.
-
s
f
[FILAT]
Timbre sen valor postal que se emprega en circunstancias excepcionais como selo de correos, por non dispor a administración de efectos cos que cubrir a demanda. Poden ser pólizas ou outros timbres e incluso selos de correos cortados pola metade en diagonal; neste último caso, só teñen valor filatélico os circulados.