encaixe
(< encaixar)
-
s
m
Acción e efecto de encaixar.
Ex: Para rematar o carro só nos falta realizar o encaixe da roda no eixe.
-
s
m
Burato no que se encaixa algo.
Ex: Esa peza non nos serve porque estoutra ten o encaixe moi pequeno.
-
s
m
Xuntura das pezas que pechan ou se adaptan unhas con outras.
Ex: O encaixe dese aro ten forma dentada.
-
-
s
m
Tecido fino ornamental que consiste nun calado de fíos cun fondo reticulado, decorado con debuxos de diversa índole. Denomínase así porque orixinariamente realizábanse os labores por separado e despois encaixábanse na tea.
Orixe e evolución histórica
Os textos de Estrabón recollen o emprego de redes e mallas nas poboacións de Hispania. No Antigo Testamento, Isaías relataba que as mulleres usaban rediñas na súa vestimenta e o Libro dos Reis describe os filamentos que adornaban o templo de Salomón. Os romanos recolleron as técnicas de bordado e de traballo con fíos entrecruzados coñecidas por hebreos, exipcios e sirios, espalláronas polo seu territorio e introducíronas na Igrexa. O gran desenvolvemento da industria téxtil de Bizancio exportouse ao mundo occidental, onde Italia e os Países Baixos foron os pioneiros. No s XVI a publicación en Italia e Francia dos primeiros libros de patróns ou modelos de debuxos produciu unha expansión dos encaixes de influencia arábiga. Entre os ss XVI e XVIII foi un artigo de luxo que gozou de gran demanda e que se empregou como un elemento ornamental na vestimenta masculina e feminina, na roupa de cama e mesa, e na decoración de obxectos dedicados para ao culto relixioso. Converteuse tamén nunha importante manufactura en Venecia, Flandres e na corte francesa, onde se crearon en 1655, entre outras, as manufacturas reais de Aleçon, Quesnoy e Reims baixo o goberno de Luís XIV e Colbert. Trala Revolución Francesa, diminuíu o seu emprego, ata que reapareceu a comezos do s XIX. No s XX, os principais centros produtores foron Francia, Reino Unido, Bélxica, Irlanda e España. As primeiras manifestacións en España proceden das esculturas iberas que representan a deusas enfeitadas con encaixes e bordados. Tanto romanos como árabes trouxeron á Península Ibérica as súas técnicas téxtiles. Ata o s XV destacaron os realizados nas xuderías de Toledo; logo, trala expulsión dos xudeus, só se empregou para a decoración de obxectos de culto relixioso. A chegada do encaixe a terras galegas puido realizarse a través de varias vías: as invasións, os comerciantes, os mariñeiros, os soldados e o Camiño de Santiago. Converteuse nun complemento co que diminuír as necesidades económicas existentes e contou coa abundancia do liño.
Modalidades
Tradicionalmente, empregouse o liño branco e o algodón e, en menor medida, os fíos metálicos (ouro e prata) ou de seda. A mecanización producida dende mediados do s XVIII levou ao emprego de novas materias téxtiles e, sobre todo, de fibras sintéticas. Existen tres tipos fundamentais de encaixes: o de agulla, o de palillos e os mecánicos. O encaixe de agulla realízase a partir dun debuxo previo, feito antigamente en pergamiño e posteriormente en papel, e co emprego dun fío de liño branco. O seu punto de partida son as variantes do punto de festón, entre outras, o punto cortado, ao aire e a rede. Nos primeiros momentos os debuxos eran xeométricos, pero a partir do Renacemento engadíronse os motivos florais. Os máis relevantes foron o punto á rosa, de orixe veneciana, o punto de Francia, o punto de Murano, o punto de España, o punto de Sedan, o punto de Bruxelas e o punto Colbert. O encaixe de palillos, que as palilleiras de Galicia denominan co nome de bolillos, realízase cuns pequenos fusos de madeira de buxo, palillos, que levan o fío envolto, e trabállase sobre unha almofadiña cilíndrica ou cadrada, mundillo, que se adoita apoiar nos xeonllos e que ten fixado un patrón de papel, cartón ou pergamiño no que aparece o debuxo que se quere realizar. Os debuxos únense entre si por medio de bridas. Deriva do macramé árabe e das técnicas que se empregaban para realizar as borlas decorativas que remataban as teas. Aínda que a súa orixe non está clara, parece que procede do S de Europa. Para elaboralo cóllense os fíos enrolados nos palillos, entrecrúzanse e anóanse ao redor duns alfinetes que se van cravando sobre o patrón. Realízanse os puntos de gasa con tres palillos; de malla de catro lados, que serve de fondo; de tul ou malla de seis lados; de améndoa ou punto recuberto e o enteiro, con catro palillos. Entre as súas variedades destacan a blonda; o guipur de Flandres, no que as bridas da base reticular están constituídas por varios fíos cos que se forma unha especie de punto de ollal; o de Malines; o de Chantilly negro e o branco, que son de seda; e o de Cluny, realizado con fíos de cor branca ou crema. Outras modalidades destacables son o encaixe de gancho, orixinario de Irlanda; é o máis sinxelo e trabállase ao aire sen patrón ningún, cun fío brillante e cun gancho fino; e o de lanzadeira, realizado cunha ou dúas lanzadeiras. A finais do s XVIII comezou a realización de encaixes por medio de procedementos mecánicos. En 1824 empregouse o sistema Jacquard para a súa fabricación. En Inglaterra empregouse o tear circular e a súa combinación co sistema de Jacquard, que deu lugar ao encaixe de Cambrai. Os procedementos mecánicos permitiron a difusión e o abaratamento dos encaixes. Dende entón realízanse encaixes á man, feitos por artesáns cualificados, á máquina e mixtos. Entre os encaixes mecánicos destaca o de Valenciennes, que presenta debuxos parecidos ao de palillos, pero moito máis fino. A orixe do encaixe en España pode ser árabe ou italiana. As primeiras mostras realizáronse con agulla e exportáronse no s XVI aos Países Baixos, de onde se importou o encaixe de palillos. Nesta época destaca o denominado punto de España, que empregaba o punto de festón cun fío de seda de diversas cores xunto cos fíos de ouro ou prata. Outras variedades destacables son as de blonda e de cadeneta. -
encaixe de Camariñas
Tipo de encaixe que se realiza no concello de Camariñas. É un derivado dos encaixes europeos, concretamente do tipo dos guipures de palillos. Leva moitos puntos de sprit, que forman estrelas e flores. Os fondos son xeralmente de malla cadrada, semellantes aos puntos de París. A finais do s XV e principios do XVI, o encaixe é unha industria doméstica que conta con gran forza na zona de Camariñas, pero foi no s XVIII cando alcanzou o seu máximo esplendor. A finais do s XIX e principios do XX, deuse unha grande exportación de encaixe a terras americanas desde o porto camariñés, que figura nas notas de embarque e nos demais documentos navieiros co nome de encaje de Camariñas, denominación que aínda mantén. Este comercio viuse interrompido posteriormente pola crise colonial e polas guerras mundiais que, sumadas á desorganización do sector, fixeron que o comercio decaese ata a súa recuperación nos anos corenta. Este rexurdimento debeuse, sobre todo, á acción da Sección Femenina, que tentou reorganizar o sector do encaixe mediante a creación de escolas de palilleiras e a realización de exposicións en distintos puntos da nosa xeografía. Segue a ser o concello de Camariñas o que concentra a maior parte da actividade do sector do encaixe, con preto de 3.500 palilleiras. Este concello desenvolveu un Plan de Desenvolvemento do Encaixe de Camariñas que contempla a formación, comercialización, promoción e restruturación do sector. As medidas tomadas favoreceron a renovación das artesás, a recuperación dos deseños antigos e o deseño de novos motivos.
-
s
m
-
s
m
[GRÁF]
Folla ou prego que, ao encadernar un libro, queda no interior doutro prego.
-
s
m
[HERÁLD]
Peza formada por dous ou máis triángulos, de cor ou metal, coas bases contiguas e, polo tanto, encaixados uns nos outros, que se moven desde os flancos ou que saen da punta do escudo.
-
encaixe bancario
[ECON]
Reserva monetaria formada polos cartos legais que os bancos teñen nas súas caixas e polos depósitos que teñen obriga de reter no banco central. Trátase dun activo non rendible pero necesario e, en moitos casos, establecido legalmente, para poder facerlle fronte á demanda de diñeiro por parte dos depositarios e como unha medida para regular a oferta monetaria. Tamén se denomina reservas bancarias.
-
encaixe recíproco
[ANAT]
Tipo de diartrose na que as superficies articulares que a forman son unha cóncava e a outra convexa e se dispoñen de forma oposta.