ensaio

ensaio

(< lat exagĭu ‘acto depesar’)

  1. s m

    Proba que se realiza para determinar as calidades ou características de algo, ou a que se fai antes dun acto ou actividade para verificar que todo sairá ben.

  2. s m [LIT]

    Xénero literario en prosa, non narrativo, que trata dunha maneira libre os problemas máis diversos con vontade de creación, que inclúe obras con estas características. Adopta diferentes formas que van dende a pura divagación ata a disertación sistematizada, o diario íntimo, a epístola e o diálogo. Bautizado por Montaigne nos seus Essais (1580-1595), comezou a impoñerse durante o Renacemento e acadou coa Ilustración, momento de máximo esplendor con Voltaire, Diderot e os filósofos ingleses. Diversificouse e especializouse con obras que nalgúns casos foron punto de partida de novas ciencias: historia (Essai sur les moeurs, de Voltaire, 1756), ciencias sociais (De l’esprit des lois, de Montesquieu, 1748), políticas (Du contrat social, de Rousseau, 1762), economía (Wealth of Nations, de Adam Smith, 1766), psicoloxía (An Essay Towards a New Theory of Vision, de Berkeley, 1709) e ciencias físicas e naturais (Pensées philosophiques, de Diderot, 1746). Co triunfo da Revolución Industrial e a expansión do positivismo, a diferenciación entre ensaio e tratado científico ou erudito foi máis clara. Despois da Segunda Guerra Mundial produciuse un novo florecemento do xénero e un retorno á súa dimensión humanista, como o manifesta a obra de B. Rusell, Sartre e Camus. Ao mesmo tempo, moitos homes da ciencia, filósofos, historiadores, psicólogos, economistas, médicos e sociólogos, sacaron das súas experiencias profesionais hipóteses xerais para unha comprensión e posible transformación do mundo contemporáneo. Tamén se denomina ensaística.

  3. s m [QUÍM]

    Análise cualitativa simple, feita por medio de reaccións e de técnicas simples e breves. Xeralmente, faise para ter un coñecemento previo da substancia a analizar, e o máis clásico é o do tipo pirognóstico.

  4. [TECNOL]
    1. s m

      Experiencias ás que se somete un material, xeralmente nunha probeta, para valorar obxectivamente a idoneidade para as condicións de traballo que terá que soportar. Existen diversas formas de ensaios, como os ensaios de características, que son os que buscan determinar a composición química dun material mediante análises simplificadas de tipo cuantitativo, cualitativo ou ben da estrutura cristalina, micrográfica ou macrográfica dun metal ou dunha aliaxe. Nos ensaios mecánicos destrúese unha probeta do material para determinar as súas propiedades mecánicas, sexan de carácter estático ou dinámico. Nos ensaios químicos sométese unha probeta a algún axente químico para determinar efectos como a corrosión, o avellentamento ou o inchazo. Os ensaios de conformación permiten prever o comportamento dun material cando se somete a un proceso de transformación por dobramento, estampación, forxa, soldadura, etc. Os ensaios de defectos permiten determinar a existencia, a localización e a magnitude de defectos, como fendas ou porosidades, tanto superficiais como interiores en pezas xa acabadas; teñen, polo tanto, carácter non destrutivo.

    2. máquina de ensaio

      Máquina empregada para  efectuar un ensaio, con aplicación mecánica ou hidráulica da carga, como é a máquina de ensaio de tracción, a de flexión, a de torsión ou a de dureza. Na máquina universal de ensaio, utilizada para efectuar diversos ensaios de materiais metálicos, pódese cambiar a disposición da probeta e colocar para cada caso o dispositivo axeitado.

  5. s m [ESPECT]

    Fase central no proceso de realización dun espectáculo teatral en que o director de escena traballa co elenco de actores e con outros creadores como iluminadores, escenógrafos, coreógrafos, maquilladores, xastres ou caracterizadores. Este proceso adoita comezar despois da repartición de papeis e unha vez que o elenco xa ten memorizado o texto. Dependendo da orientación do traballo que haxa que realizar e da fase en que se atope a elaboración do espectáculo, adóitanse distinguir diferentes tipos de ensaio: ensaio por escenas, ensaio completo, ensaio de caracterización, ensaio con escenografía, ensaio de iluminación, ensaio de luces, ensaio técnico, ensaio de orquestra, ensaio de sonorización, ensaio con público, ensaio fotográfico e, finalmente, ensaio xeral, momento en que se ensamblan todos os elementos do espectáculo.

  6. s m [DEP]

    Acción que en rugby, fútbol americano e noutras especialidades similares, consiste en apoiar o balón no terreo de xogo trala liña que está situada á altura da portería do equipo contrario. Esta acción outorga a maior puntuación.

  7. s m [FILAT]

    Impresión que se fai para probar a calidade dun deseño antes da elección definitiva.

  8. ensaio biolóxico [BIOL]

    bioensaio.

  9. método de ensaio e erro [PSIC]

    Proceso de tenteo polo cal se eliminan progresivamente as respostas erróneas e se fixan as respostas satisfactorias. É a base da aprendizaxe instrumental.