Ensaio sobre a cegueira
Novela publicada en 1995 por José Saramago, autor portugués distinguido co Premio Nobel de Literatura en 1998. Segundo o seu autor, esta novela é a primeira dunha triloxía “involuntaria” sobre a súa visión do mundo actual, conformada por Todos os nomes (1997) e A caverna (2000), na que desenvolve, mediante un discurso alegórico, a historia dunha sociedade atacada de súpeto por unha inexplicable cegueira e na que pinta unha paisaxe desoladora da condición humana. Comeza co berro esgazado dun home que, atrapado no seu automóbil, se decata de que está cego. Este protagonista, do que non se sabe o nome e que se identifica na novela coa fórmula “o primeiro cego”, descóbrese rodeado por unha brancura total que lle inutiliza os ollos. Esta é a orixe dunha curiosa peste ocular que, pouco a pouco, pero decididamente, se estende pola cidade anónima da novela. Cando resulta evidente que o mal é contaxioso, o goberno decide illar as víctimas nun antigo manicomio abandonado. A esposa do oftalmólogo que atendeu o primeiro cego é a única que conserva a vista, e tamén a única testemuña da desolación que sofren os cegos. A través dos seus ollos os lectores coñecen o aspecto do manicomio e o establecemento dunha nova orde imposta polo Estado. O grupo de confinados medra tanto e en tan pouco tempo que a autoridade, desbordada, abandónaos á súa sorte. Cando os cegos conseguen saír do seu cárcere comproban que a praga non lle perdoou a ninguén, e que a cidade presenta un aspecto desolador. Case seguindo a mesma orde de contaxio prodúcese a curación, e todos van recuperando a vista. Cun estremecedor realismo, Saramago describe a deshumanización progresiva dos damnificados, que acaban por converterse en lobos uns doutros e fan do seu albergue un campo de batalla, no que loitan con violencia por sobrevivir ao abandono e ao rexeitamento da sociedade.