Entelurus

Entelurus
[ANIMAL/ICT]

Xénero de peixes mariños, da familia dos singnátidos, que poden acadar -no caso das femias- unha lonxitude de ata 60 cm ou -no caso dos machos- 40 cm; o corpo é alongado e armado por un conxunto de placas dérmicas que forman aneis, a boca é pequena e a fendedura branquial está reducida a un poro; a aleta caudal é rudimentaria, a aleta dorsal esténdese entre os aneis 7 e 11 do tronco, a aleta anal está ausente e a aleta pectoral membranosa só está presente nos xuvenís. Son de cor acastañada clara con numerosas raias verticais prateadas, orladas de escuro e unha liña vermella escura horizontal na cabeza. Os machos incuban os ovos ata que as larvas acadan uns 12 mm de lonxitude total e poden ter vida independente. A especie E. aequoraeus, distribuída polo Atlántico dende os Açores ata Noruega, está presente en ambientes costeiros e praderías litorais. Recibe a denominación popular de agulla cobra.

Palabras veciñas

enteiro -ra | enteleigar | entelequia | Entelurus | Entemena | entena | entendedor -ra