epigrafía

epigrafía

(< epígrafe)

s f [EPIG]

Ciencia auxiliar da historia que estudia as inscricións gravadas e pintadas sobre pedra e outros soportes perdurables, entre outros, o bronce, a madeira, o óso e a cerámica. Os estudios epigráficos permiten obter información sobre a lingua, a sociedade, a política, a economía, a relixión e a literatura das distintas civilizacións e culturas. Aínda que existe unha ciencia epigráfica de cada sociedade antiga ou moderna, o desenvolvemento da mesma produciuse no Renacemento mediante a copia e o debuxo de numerosas inscricións gregas e latinas. En 1603 publicouse a primeira colección de epígrafes latinos e gregos, o Inscriptionum romanarum corpus absolutissimum de I. Gruteus, pero ata 1828 non se publicou a primeira colección sistemática, a Inscriptionum latinarum selectarum aplissima collectio ad illustrandam romanae antiquitatis disciplinam accomodata ac magnarum collectionum supplementa complura em de I. C. Orelli. As grandes compilacións de epígrafes realizáronse no s XIX e manteñen a súa vixencia. Entre as inscricións gregas destaca o Corpus Inscriptionum Graecarum (CIG), editado a partir de 1828 por A. Böckh; e entre as latinas o Corpus Inscriptionum Latinarum (CIL), editado a partir de 1863 por T. Mommsem, e o Inscriptiones Latinae Selectae, compilado entre 1892 e 1916 por H. Dessau. Na Península Ibérica, as primeiras compilacións de inscricións latinas foron o CIL II e o Monumenta Linguae Ibericae (MLI), ambos compilados por E. Hübner no s XIX; e no s XX as Inscripciones Latinas de la España Romana (ILER) publicado en 1971 por J. Vives e o Fichero Epigráfico (1982). En Galicia, a compilación de epígrafes produciuse entre 1954 e 1960 nas Inscripciones Romanas de Galicia (IRG) de A. D’Ors.

Palabras veciñas

Epígonos | Epigonus | epígrafe | epigrafía | epigráfico -ca | epigrafista | epigrama