Equipo Crónica

Equipo Crónica

Equipo de artistas creado en València a finais de 1964 por Rafael Solbes, Manuel Valdés e Joan Antoni Toledo, que o abandonou en 1965. Procedían da Estampa Popular Valenciana e constituíron a achega española á pop art. Rexeitaron a pintura e a cultura tradicional española e buscaban realizar unha crónica da realidade baseada na obxectivación e no realismo dos datos empregados e na tipificación e serialización. Reflectiron os cambios que se estaban a producir na sociedade mediante unha iconografía procedente dos medios de comunicación de masas e da historia da pintura española dende o Século de Ouro ata as vangardas, pero tratadas dende a óptica da sociedade contemporánea. Cultivaron unha pintura figurativa e organizada en series caracterizadas polas tintas planas, a composición narrativa, a intención satírica e a crítica político-social. Entre outras series destacan La recuperación (1967-1969), Guernica 69 (1969), Serie negra (1972), El paredón (1975-1976), La trama (1976-1977), Crónica de transición (1980-1981) e Lo público y lo privado (1981), que quedou inacabada pola morte de R. Solbes en 1981, data en que o grupo se disolveu. Moitas das súas obras están no Institut Valencià d’Art Modern (IVAM).