erótico -ca
(< lat erotĭcus < gr ἐρωτικός)
-
adx
Relativo ou pertencente ao erotismo ou ao amor sensual.
Ex: Investiguou as razóns dos impulsos eróticos do ser humano.
-
adx
Que excita o desexo sensual.
Ex: Aprendéronnos unha danza erótica india.
-
cine erótico
[IMAX]
Modalidade cinematográfica que emprega o erotismo como medio de expresión. As súas orixes hai que buscalas nos primeiros anos do cine, en pequenas obras como The May Irvin-John C. Rice Kiss (1896) e outras producións de Meliès ou Pathé. A evolución do carácter erótico das películas foi parella coa evolución sociopolítica de cada país. O uso do nu como recurso erótico empregouse en numerosos filmes como Extase (1932), de Gustav Machatý, ou Et Dieu créa la femme (E Deus creou a muller, 1956), de Roger Vadim. Nos anos vinte o erotismo cinematográfico adquire unha nova dimensión con filmes como Un chien andalou (1928), de L. Buñuel. Ao mesmo tempo, asistiuse ao nacemento de auténticos mitos eróticos na industria cinematográfica americana como Myrna Loy, con películas como The Barbarian (Unha noite no Cairo, 1933), ou Marilyn Monroe, con películas como Gentlemen Prefer Blondes (Os cabaleiros prefírenas louras, 1953) ou The Seven Year Itch (A tentación vive arriba, 1955). Posteriormente, o cine de tipo erótico estivo moi presente en toda a cinematografía mundial e mesturouse con tendencias underground que foron decisivas na incorporación de elementos homosexuais e doutro tipo. Na década dos setenta produciuse a consolidación dunha vía máis explícita do cine erótico con filmes que marcaron un punto de partida como Ultimo Tango a Parigi (Último tango en París, 1972). A partir desta data houbo moitas producións que trataron o erotismo de diversas formas, e entre elas cómpre destacar Nine and a half Weeks (Nove semanas e media, 1986) ou Basic Instinct (Instinto básico, 1992).
-
literatura erótica
[LIT]
Na literatura clásica non pode falarse dunha maneira clara de literatura erótica senón, máis ben, da aparición de elementos ou situacións eróticas. Así, localízanse certas compoñentes eróticas en libros tradicionais como o hindú Kama-Sutra ou algúns contos árabes de As mil e unha noites. Na tradición grecolatina apareceron elementos eróticos nalgunhas obras poéticas de Safo, Calímaco, Anacreonte, Catulo, Horacio, Ovidio ou Apuleio, e cómpre destacar o Satiricón de Petronio. Na Idade Media, e xa dunha maneira moito máis explícita, o erotismo estivo moi presente no Decamerón. No Renacemento destacaron algunhas obras da literatura castelá nas que o erotismo comezou a ser máis explícito aínda, como pode ser La lozana andaluza ou La Celestina. Neste momento o erotismo expresábase máis a través da utilización suxerente da palabra que da descrición evidente de situacións sexuais. No s XVII, Tirso de Molina creou un dos mitos eróticos máis coñecidos da literatura universal, Don Xoán, personaxe que será continuamente retomado en séculos posteriores desde diferentes perspectivas. Pero foi a partir do s XVIII cando os escritores principiaron a subliñar os aspectos libertinos e incluso obscenos de moitos personaxes e situacións en obras claramente eróticas escritas, entre outros, por Voltaire, Diderot, Casanova e, sobre todo, polo Marqués de Sade. Nesa mesma liña de rebeldía e iconoclasia traballaron no s XIX poetas como Baudelaire, Verlaine ou o conde de Lautréamont, ou dandis ingleses como Oscar Wilde, quen mesturou os referentes eróticos coa crítica social e un xeito de vida escandaloso, entendida a conduta como unha prolongación da propia obra. No s XX, a tradición literaria erótica máis forte deuse no mundo anglosaxón. Cómpre destacar as obras de D. H. Lawrence, J. Joyce, H. Miller, W. Faulkner, E. Hemingway, T. Williams, A. Nin ou Ch. Bukowsky. Tamén é importante subliñar as achegas ao xénero, aínda que non dunha maneira exclusiva, senón como reflexión á marxe das novelas, da obra do escritor checo en lingua francesa M. Kundera.
-
teatro erótico
[ESPECT]
Modalidade teatral que ten na provocación dos sentidos e da sensualidade o seu elemento máis significativo. Así, na Antigüidade podíanse contemplar diversas escenas reproducidas en pezas de cerámica nas que se representaban cómicos con grandes falos, quizais imitando costumes propios dos ritos de fertilidade. Esta é unha tradición que se mantivo viva nas manifestacións do teatro cortesán e popular e que provocou en diferentes épocas históricas condenas da Igrexa e do poder civil. Así aconteceu nas festas atelanas de Roma ou no teatro medieval cos mimos, xograres e outros comediantes que presentaban farsas e outros divertimentos escénicos. Pero o teatro estritamente erótico semella ser un desenvolvemento dun tipo de espectáculo que se presentaba en Francia en salóns privados e que, logo de gañar popularidade, se coñeceu como teatro clandestino, libertino ou lascivo, e pasou a ser un divertimento potenciado e aplaudido pola aristocracia. Nas súas manifestacións máis coñecidas trátase dun teatro que parte dun guión sinxelo no que se suceden distintas escenas, combina a música, o baile, as cantigas picantes e a exhibición do corpo das actrices, pois a esencia deste tipo de teatro era utilizar o corpo da muller para atraer o público masculino, se ben nos últimos anos os homes tamén contribuíron a diversificar a carga erótica. Os xéneros do teatro erótico son moitos e van desde a pornografía máis simple ata pezas de maior sutileza, como algunhas propostas do artista arxentino Ángel Paulovsky. En España cómpre destacar espacios como os que se abriron na zona do Paralelo de Barcelona ou xéneros propios como o cuplé, que coñeceu un considerable desenvolvemento no primeiro terzo do s XX.