escorpión
(
-
s
m
[ANIMAL]
-
Calquera arácnido da orde dos escorpións.
Sinónimos: alacrán. -
Orde de arácnidos terrestres, de corpo dividido nun prosoma anterior -cuberto por unha cuncha- e nun opistoma posterior -segmentado e dividido nun preabdome de sete segmentos e nunha cola estreita cilíndrica de cinco segmentos e un aguillón rematado en punta-. O primeiro par de patas presenta pinzas que empregan para aferrar as presas. Aliméntanse principalmente de insectos que tritura ata converter nunha papa ou de pequenos vertebrados dos que zuga as partes brandas. Precisan de varias horas para rematar de comer un único insecto e poden aguantar períodos de varios meses sen alimentarse. No momento da reprodución, os machos achéganse ás femias ata quedar cara a cara, refregan as pinzas e suxéitanse para moverse deste xeito prendidos cara adiante e atrás durante varias horas, á vez que entrelazan tamén as colas. Noutros casos, o macho acaricia o corpo da femia coa cola e as patas. Neste punto, o macho coloca o espermatóforo fixado ao substrato e tira da femia para situala enriba do espermatóforo que o recolle. Nalgunhas especies, o espermatóforo conta cun sistema que propulsa automaticamente o esperma no aparato xenital da femia. Son vivíparos e os embrións están suxeitos por un tubo umbilical ao intestino da nai. Logo de nacer fíxanse ao corpo da nai grazas a unhas pequenas ventosas que teñen no extremo das patas. Permanecen coa nai varias semanas dependendo das reservas embrionais e logo realizan a súa primeira muda e dispérsanse. Acadan a madureza nun ano logo doutras 6 ou 7 mudas máis. Existen unhas 600 especies distribuídas polas partes cálidas do mundo. Na Península Ibérica están presentes as especies Buthus occitanus, en case toda a Península, pero sobre todo no S; Isometrus maculatus, de orixe tropical e introducido na Península Ibérica co comercio, especialmente de cargamentos de froita; Euscorpius flavicaudis, estendido nas zonas máis húmidas da Península Ibérica dende primavera ata finais de outono; e Belisarius xambeui, endemismo dos Pireneos e da provincia de Barcelona.
Sinónimos: alacrán.
-
-
s
m
[HERÁLD]
Animal que se representa coa cola levantada.
-
escorpión acuático
[ANIMAL]
Percebella acuática, da familia dos népidos, caracterizada por presentar o primeiro par de patas modificado para apreixar os pequenos animais dos que se alimenta. A maioría presentan no extremo do abdome un tubo respiratorio, moi longo e fino, que manteñen por riba da superficie da auga. Son de cores acastañadas ou cinsentas, feito que facilita a caza á espreita. Mantéñense semienterradas nas beiras das masas de auga doce ou totalmente inmóbiles ao igual ca unha pequena folla ou unha poliña no fondo da auga. Sucionan os líquidos corporais de pequenos animais como larvas de mosquitos, de diversos invertebrados acuáticos e dalgúns vertebrados como peixes moi cativos e larvas de anfibios. Habitan principalmente en masas de augas tranquilas e con vexetación, que poden abandonar voando, principalmente, durante a noite, para colonizar outras. Existen unhas 150 especies, representadas en Galicia e no resto da Península Ibérica polas especies Nepa cinerea e Ranatra linearis.