escravitude
(< escravo)
-
s
f
Calidade ou condición de escravo.
-
s
f
[HIST]
Estado social definido pola lei e os costumes como a forma involuntaria de servidume absoluta. As súas orixes remóntanse á prehistoria, cando uns clans sometían, probablemente, a membros doutras tribos ou clans. A evolución cara a sociedades máis complexas deu lugar a prácticas escravistas nas civilizacións antigas de Oriente Medio, India, China e América do S. As primeiras referencias históricas proceden do antigo Exipto, onde os escravos eran propiedade do faraón e da súa familia, que os empregaba principalmente nas explotacións agrarias. Na antiga Grecia realizaban desde actividades mineiras ata actividades educativas. En Roma, as formas de escravitude fixéronse máis complexas e os escravos non só proviñan das guerras, senón tamén por nacemento, exposición, venda ou débedas. Trala Lei das Doce Táboas, prohibiuse a venda dos fillos como escravos e a producida por débedas, aínda que continuaron a considerarse como bens mobles sobre os que se tiñan todo tipo de dereitos. Non obstante , existía a posibilidade de manumisión, feito que permitiu a partir do s II a existencia dun influente grupo de libertos. Durante a Idade Media, o sistema escravista cedeu paso á servidume, aínda que a condición de escravo non chegou a desaparecer. As principais fontes de escravos foron as cruzadas e a piratería bérber e cristiá. En Europa, os grandes mercados de escravos norteafricanos, turcos, gregos e eslavos foron, entre outros, Sevilla, Venecia, Barcelona e Xénova. Ao mesmo tempo xurdiu a práctica por parte de numerosas ordes relixiosas de comprar escravos para despois liberalos. Os descubrimentos do s XV modificaron o sistema escravista. A coroa española comezou a explotación en réxime de escravitude das poboacións indíxenas en América, aínda que as protestas dun grupo de relixiosos, entre os que destacou Bartolomé de Las Casas, e o descenso do número de indíxenas levou á importación de escravos da África negra. A partir de 1528 e ata 1600, as colonias hispanas en América importaron uns 200.000 escravos negros e no século seguinte esta cifra duplicouse. Entre 1493 e 1595 os monarcas españois estableceron un sistema de concesións a particulares e de monopolios, ou asientos, outorgados a compañías ou países que permitía introducir e vender escravos negros nos territorios americanos. Nun principio foron os comerciantes portugueses os que comerciaron, pero, desde finais do s XVI, tiveron que competir con ingleses, holandeses e franceses. Nas colonias inglesas de América do N, os primeiros escravos africanos chegaron a comezos do s XVII, mentres que en Europa era cada vez máis raro a existencia deste tipo de relacións, ata que finalmente desapareceron xuridicamente cara ao 1800. A escravitude continuou a ser próspera nas colonias e nos estados do S dos EE UU. A partir da década de 1730 o promedio de 1.000 escravos negros por ano incrementouse, de tal xeito que en 1780 un quinto da poboación total dos EE UU era escrava. As áreas de procedencia dos escravos norteamericanos eran Nixeria, Ghana, Senegal, Gambia, Congo, Angola e Moçambique. Trala Revolución Francesa, iniciouse o proceso de abolición sucesivo da escravitude. O primeiro país foi Francia en 1794, aínda que en 1802 a volveu instaurar. O tráfico de escravos prohibiuse entre 1791 e 1814 en Dinamarca, Reino Unido, EE UU e Holanda, e no Congreso de Viena (1815) condenouse o comercio de homes. A prohibición da escravitude produciuse de xeito paulatino ao longo do s XIX, nas colonias británicas, en 1833; nas francesas e holandesas, en 1848; nos EEUU, en 1863, trala Guerra de Secesión; en Cuba e Puerto Rico, en 1870; e nos países latinoamericanos, ao longo dos seus procesos de independencia. En 1926 celebrouse a primeira convención internacional sobre a escravitude na que participaron os 38 países membros da Sociedade de Nacións e na que se aprobou a supresión, prohibición do comercio de escravos e a abolición de calquera forma de escravitude. Na Terceira Conferencia Mundial contra o Racismo, diversas organizacións non gobernamentais africanas e estadounidenses reclamaron unha desculpa e o pago de compensacións polo tráfico de escravos. Non obstante , aínda que se considera abolida, no s XX continuou a existir e desenvolvéronse formas de servidume próximas a ela. A Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos definiu a escravitude como unha serie de violacións dos dereitos humanos nos que se incluíron a venda de menores, a prostitución infantil, a utilización de menores na pornografía, a explotación do traballo infantil, a mutilación sexual das nenas, a utilización dos menores nos conflitos armados, a servidume por débedas, o tráfico de persoas, a venda de órganos, a explotación da prostitución e certas prácticas dos réximes coloniais e o apartheid. Na Conferencia de Manila (2000), os países occidentais comprometéronse a loitar contra estas novas formas de escravitude, que son o terceiro negocio máis rendible para as mafias mundiais.