Escravitude, Nosa Señora da
Santuario mariano situado en Cruces (Padrón). As súas orixes relaciónanse cunha lenda que ten dúas versións: unha delas conta como Xoán Pérez Mondragón, párroco de Santa María de Cruces, estaba a cortar unha árbore e ao observar que esta caía sobre el invocou a Virxe. A árbore cambiou a dirección de caída e non lle fixo mal ningún, polo que en agradecemento mandou esculpir unha imaxe pétrea da Virxe que colocou nunha fonte que existía no camiño de Iria Flavia a Santiago; a segunda versión conta os mesmos feitos, pero o seu protagonista é o abade dun mosteiro. A fonte converteuse nun lugar onde paraban os camiñantes e comezou a ser coñecida como a Fonte Santa. O feito milagreiro que deu lugar ao nacemento do santuario sucedeu en 1732 cando un veciño do Salnés, paralítico e hidrópido, parou na fonte a beber cando se dirixía ao hospital de Santiago. Permaneceu tres días no lugar bebendo e rezando e sandou. En agradecemento doou o seu carro e os seus bois á Virxe, á que loou coa oración “Bendita sexas oh Virxe Santísima! que me libraches da escravitude da enfermidade en que por tanto tempo estaba”. Dende entón a Virxe, coñeceuse como Nosa Señora da Escravitude. O santuario construíuse entre 1732 e 1734. Ten planta de cruz latina cunha sancristía concibida como unha prolongación da capela maior. A nave divídese en tramos por pilastras pegadas ao muro e, ao seu pé, sitúase un coro alto. A nave cóbrese con bóveda de canón, con lunetos nos seus tramos centrais, o cruceiro cunha cúpula sobre pendentes e a sancristía con bóveda de aresta. Na capela maior consérvanse dous lenzos do pintor Juan Luis que relatan os feitos milagrosos. A fachada está composta por dous corpos laterais e un central. No corpo central destacan a fornela, que acolle a imaxe da Virxe, rodeada de diversos motivos decorativos, e o remate triangular con bólas e co escudo da Escravitude. Os corpos laterais son macizos e lisos e acollen as torres que, aínda que se construíron nun intervalo dun século, son semellantes: constan dun primeiro corpo rectangular con catro machóns sobre os que se apoian os arcos de medio punto, onde se sitúan as campás, e remata nunha balaustrada; o segundo corpo ten forma poligonal e conta cun entaboamento sobre o que se erixe unha pequena cúpula octogonal. A Fonte Santa sitúase baixo a escalinata de acceso, cuberta por un arco rebaixado. Nela consérvase unha inscrición que indica a data de 1750 como remate do conxunto. A escalinata é de dobre tiro lateral e ten unha balaustrada con pináculos. Ao redor da igrexa consérvase un recinto amurallado e o campo da festa onde se sitúa un cruceiro neoclásico. A antiga casa dos capeláns desamortizouse no s XIX e é unha propiedade privada.